Sociedad
29-07-2008
A Fundación Barrié de la Maza comezará a repartir este mércores os convites para asistir ao concerto que a cantante de jazz canadense Diana Krall ofrecerá este xoves no Palacio da Ópera da Coruña. En total, serán máis de 1.700 as persoas que poderán gozar de balde deste directo, despois de retirar a súa reserva na propia fundación.
Krall tense destacado como compositora e intérprete na escena do jazz internacional e tamén na música popular contemporánea. A cantante criouse nun ambiente familiar musical: a súa nai cantaba nas igrexas e o seu pai era un coñecido pianista do estilo stride. Aos catro anos recibe as súas primeiras clases de piano e tras pasar pola banda de jazz do instituto obtén, en 1981, unha bolsa do Festival Internacional de Jazz de Vancouver para estudar no Berklee College of Music de Boston.
En 1993 publica o seu álbum debut, "Stepping out", xunto ao baixista John Clayton e ao batería Jeff Hamilton. Dous anos despois, lanza "Only trust your heart", e de seguido "All for you", unha homenaxe a Nat King Cole, coa que obtén a primeira nominación aos premios Grammy.
En 1999, con "When I look in your eyes", logra o seu primeiro disco de platino nos Estados Unidos e é galardoada como ?mellor vocalista de jazz? nos premios Grammy, ademais de optar ao premio ao Mellor Álbum.
En 2001 publica "The look of love", unha selección de baladas e bossa novas coa que acada o top 10 do Billboard's Pop. Ese mesmo ano edita o seu primeiro disco en directo, "Live in Paris", co que consegue o seu segundo Grammy.
Krall engade temas propios por primeira vez na súa traxectoria en "The girl in the other room", publicado en 2004, con arranxos do seu marido Elvis Costello.
No seu último traballo, "The very best of Diana Krall", combina interpretacións persoais de temas de George e Ira Gershwin, Cole Porter ou Irving Berlin, con versións orquestradas de clásicos como Frank Sinatra e reinterpretacións de cancións de Tom Waits.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias