Sociedad
21-08-2008
A película galega "Pradolongo", do director Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Films, foi seleccionada na 56ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, que terá lugar nesa cidade entre os días 17 e 28 de setembro.
O filme galego, o máis visto en toda a historia do audiovisual galego con 45.000 espectadores en salas, participará na sección Made in Spain. Esta sección diríxese principalmente á crítica internacional e aos compradores e vendedores que acudan ao festival.
Ignacio Vilar está inmerso na campaña de promoción do filme, que da man da produtora Mr. Misto Films está percorrendo Galicia nun circuito de pases ao aire libre que está colleitando un gran éxito de público. O cineasta realizará a presentación do seu traballo polas salas de toda España no mes de outubro.
"Pradolongo" está protagonizada por tres novas promesas do cinema galego, Rubén Ríos, Tamara Canosa e Roberto Porto, aos que acompañan intérpretes xa veteranos coma Mela Casal, Gonzalo Rei Chao ou Antonio Mourelos.
A rodaxe do filme, realizada integramente en galego e na comarca de Valdeorras, correu a cargo dunna equipa técnica e artística de orixe galega na súa práctica totalidade.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias