El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés

Cultura achegará a Garzón o censo das vítimas da Guerra Civil e un mapa dos lugares relacionados coa represión

Os investigadores contabilizaron xa preto de 4.000 mortos en 305 escenarios

03-09-2008

A Consellería de Cultura pon a disposición do xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón o censo das vítimas da represión franquista en Galicia, elaborado dentro do proxecto "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" desenvolvido polas tres universidades galegas e co que o departamento dirixido por Ánxela Bugallo amplía dende o 2006 un traballo iniciado polas asociacións de recuperación da memoria histórica. Así o informou en rolda de prensa en Santiago a propia conselleira, acompañada do director do proxecto, o profesor Lourenzo Fernández Prieto, e do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. Os responsables do proxecto remitiron o pasado 3 de xullo unha carta para ofrecer a súa colaboración para elaborar o censo das vítimas da Guerra Civil. Froito da investigación, coñécense xa os nomes das 3.588 persoas asasinadas entre os anos 1936 e 1939 a mans dos franquistas, e contabilizáronse 224 persoas que figuran nos rexistros como "descoñecidas". Ademais, o estudo recolle xa 305 escenarios de fusilamentos, paseos e torturas, cárceres e lugares de enterramento, cunha relación de 26 foxas e 11 puntos da costa onde se fondearon cadáveres dos represaliados. Así, xunto co censo, a Xunta achegará "de forma inmediata" un mapa dos lugares da represión en Galicia nas catro provincias galegas, cunha maior incidencia nas cidades e vilas costeiras onde existía "unha maior actividade política e sindical", asegurou Bugallo. Con todo, os datos son aínda provisionais e agárdase que a cifra de vítimas aumente co desenvolvemento da investigación ata o 2009, e completarase cos represaliados polo franquismo durante a posguerra. Aproveitando a apelación xudicial realizada por Garzón, a Consellería solicitará a colaboración doutros departamentos autonómicos e universitarios para completar a investigación e identificación das vítimas. O director do proxecto sinalou a relevancia de que por primeira vez os xuíces aborden os crimes cometidos durante a Guerra Civil, logo de que os historiadores levasen "moito tempo" investigando. Lembrou que Galicia leva un "curto percorrido" nesta cuestión, sobretodo se se compara con Cataluña, onde "hai 30 anos que as universidades comezaron a investigar". Fernández Prieto valorou o paso dado por parte da xustiza como "tímido, pero moi relevante", xa que "vai abrir novos camiños". As fontes da certeza Deste xeito, Galicia contribuirá a cubrir un "baleiro documental" sobre as vítimas da Guerra Civil con "abundantes datos" dos asasinados e desaparecidos trala sublevación do 36. En total, os investigadores falan xa de 14.643 persoas represaliadas en Galicia. Para recabar esta información, os expertos das tres universidades galegas recorreron a testemuñas orais, contrastadas con datos de arquivos militares, rexistros civís e bibliografía. "Mesmo hai cantigas que falan das fondeaduras", explicou Fernández Prieto. Pola súa banda, e en resposta ás críticas do Partido Popular as accións de recuperación da memoria histórica por "remover o pasado", Bugallo afirmou que "para xulgar a verdade é necesario coñecela".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias