Sociedad
05-09-2008
A Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina inaugurou este venres en Bos Aires a súa 'Biblioteca do Exilio', un novo espazo integrado dentro da Biblioteca Galega da capital boanerense na que se poderán consultar as producións editoriais e primeiras edicións das obras de galegos e españois exiliados en Arxentina e América, como Rafael Alberti, Juan Ramón Jiménez, Xosé Neira Vilas ou Castelao.
Os responsables da Federación e da Biblioteca consideran que este novo fondo documental que se abre ao público constitúe un material de investigación imprescindible para coñecer o labor intelectual que os emigrados e exiliados non puideron desenvolver no seu país de orixe, xa fose polas prohibicións da ditadura de Primo de Rivera ou máis tarde pola acción censora do réxime franquista.
Na 'Biblioteca do Exilio' pódense atopar tanto obras de poesía e narrativa como ensaio político e histórico, correspondentes a libros publicados entre 1920 e 1975, maiormente primeiras edicións orixinais ou edicións únicas que viron a luz en América.
Rafael Alberti, María Teresa León, Juan Ramón Jiménez, León Felipe, Xosé Neira Vilas e Ramón Valenzuela, entre outros, forman parte da sección de narrativa e poesía desta biblioteca.
No ámbito do pensamento poden atoparse ademais obras de Antón Alonso Ríos, Castelao, Luis Jiménez de Asúa, Emilio González López, Claudio Sánchez Albornoz e Ángel Ossorio y Gallardo.
O catálogo inclúe tamén as coleccións Hórreo e Dorna que Arturo Cuadrado e Luís Seoane dirixiron para a editorial Emecé, así como gran parte dos fondos das editoriais Nova e Botella al Mar, que foron unha continuación daquelas dúas coleccións.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias