El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

Un informe reflexa un escaso interese polo galego entre os alumnos de ESO

05-09-2008

"É necesario reforzar ou modificar as políticas de normalización lingüística, 25 anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística". A esta conclusión chega o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, logo de coñecer o informe sobre o ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) realizado polo Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago en colaboración co CCG. O informe amosa un "interese inferior" de cara á materia de galego por parte dos alumnos e do profesorado con respecto a outras áreas, e por tanto, un "estado de precariedade" que ten o seu impacto nos resultados académicos. Por outra banda, detéctase unha contradicción entre os obxectivos máis valorados na aprendizaxe da lingua, relacionados coa súa dimensión comunicativa, e a práctica docente. As clases oriéntanse á teoría e á gramática, máis que a adquisición de competencias na lingua oral. "A formulación de obxectivos educativos vai por un lado e a práctica real por outro moi distinto", indica o informe. Outro dato relevante é o "preocupante nivel de incumprimento" da lei no tocante ás materias que deben ser impartidas en galego no segundo ciclo. Así, en ciencias sociais, xeografía e historia, o nivel de galeguización é de arredor do 83% nos dous primeiros cursos e do 73% en 4º e do 67% en 3º. En ciencias da natureza, a presenza do galego acada arredor do 70 e 75% en 1º e 2º. E en bioloxía e xeoloxía apenas supera a metade das aulas, cun 55% en 3º e un 53% en 4º. O director do estudo, Bieito Silva, atribuíu este feito a unha "formación pedagóxica moi insuficiente" malia que a situación dos profesores se defina como "cómoda", a partir da que poden mellorar o seu traballo. No relativo aos datos sobre sociolingüística, o informe "non ofrece grandes sorpresas", senón que "constata datos de estudos dos últimos anos", explicou Bieito Silva. Así, a porcentaxe de alumnos que teñen o galego como lingua inicial e habitual é menor que o de profesores, cun 33% de estudantes galegofalantes nos centros públicos e un 10% nos privados. Silva destacou o feito de que, malia que o 90% dos docentes de galego emprega nas súas aulas só este idioma, o uso da lingua minorizada descende nas súas relacións fóra do centro, cos amigos ou cos fillos. "Isto racha co estereotipo do profesor de lingua e literatura galega como militante co idioma", valorou o experto. Propostas O estudo 'Situación de ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria' expón varias propostas para aumentar a presenza social do galego a partir da escola e viceversa, así como sobre a práctica docente. Os expertos suxiren que os profesores axusten o programa ao contexto, se coordinen dentro do propio departamento e mesmo con outos departamentos de ensino de linguas do centro, reorientar a súa actividade cara a enfoques máis comunicativos e anovar nos recursos e metodoloxía, axeitándose ás demandas dos alumnos e do sistema educativo. Tamén consideran preciso a elaboración de materiais en diversos soportes coherentes con ese enfoque. Debate lingüístico O estudo nace da preocupación pola situación da lingua galega non só na súa dimensión sociolingüística senón tamén pedagóxica. "Notabamos en falta unha iniciativa por parte do Goberno que medise o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística, que marca un obxectivo moi concreto: que ao final da educación obrigatoria, o alumno debe ter unha competencia equibalente nas dúas linguas oficiais de Galicia", afirma o profesor Henrique Monteagudo. Para coñecer a situación do galego nas aulas, botaron man de enquisas a alumnos e profesores de 2º e 4º da ESO e de grupos de discusión, realizados a partir de 2005. Estes datos revelan "problemas de carácter pedagóxicos e externos, de carácter social" na materia. "Traballamos sobre datos rigorosos, nun momento no que asistimos a un incremento dos discursos prexuizosos sobre o idioma", aclaran os responsables do estudo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias