El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

A Xunta estuda completar o 100% de cobertura da TDT en Galicia vía satélite

10-09-2008

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta está en conversas co Ministerio de Industria para tentar que as canles autonómicas cheguen ao cen por cen no territorio galego tralo apagón analóxico. "Temos previsto acadar unha cobertura dixital idéntica á analóxica no caso da televisión autonómica, do 99,3%, e ao mellor podemos completar ese 0,7 por cento vía satélite", indicou o secretario xeral, Fernando Salgado. Como presidente de Retegal, Salgado inaugurou a nova sede do operador público de telecomunicacións na capital galega, acompañado polo xerente, Jesús García Porto, e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, tamén conselleiro delegado da compañía. Alí anunciaron ademais que Retegal vén de obter o certificado ISO 9001, que acredita a calidade dos seus servizos. Tralo acto, Salgado e Fernández Iglesias deron conta do desenvolvemento da implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) na comunidade, que "chegará con puntualidade á cita do apagón analóxico", aseguraron. A data de hoxe, a Televisión de Galicia ten xa unha cobertura do 90% no territorio galego, a Televisión Española do 87% e as canles privadas acadan o 78%, polo que superan xa a cobertura da que dispoñen co sinal analóxico, que ronda entre o 75 e o 80%. O obxectivo é chegar ao 98 % de cobertura como mínimo en todas as televisións e ao 99,3% no caso da TVG. Para acadar esas cotas, Retegal, a Xunta e o Ministerio investirán un total de 30 millóns de euros antes de marzo de 2010. Salgado salientou que o investimento para acadar o 98% de cobertura en todos os casos é preciso un investimento de entre 16 e 18 millóns de euros -6 millóns para as autonómicas, 4 millóns para as estatais e entre 6 e 8 millóns para as privadas-, unha cantidade similar á que se investirá para gañar un 1,3 por cento máis de cobertura para a Televisión de Galicia, e chegar así aos mesmos niveis ca na televisión analóxica. Así, destinarase un investimento adicional de entre 10 e 16 millóns de euros para que as canles autonómicas cheguen aos núcleos de poboación máis pequenos, sinalou. A crise non afecta á TDT O presidente de Retegal amosouse "convencido" de que a crise económica non vai supoñer retrasos no despregamento da TDT e que se mantén a data do apagón analóxico para marzo de 2010. "Trátase máis dun desafío tecnolóxico que económico, aínda que as cifras son relevantes", indicou Salgado, quen engadiu que a dixitalización "creará riqueza no país". Pola súa banda, Fernández Iglesias engadiu que debido ao adianto da comunidade na implantación destas novas tecnoloxías, os fabricantes galegos de equipamentos para a TDT "xa son referencia a nivel internacional". Ademais, explicou que o mercado da tecnoloxía abarátase constantemente, polo que os custes para afrontar este reto tecnolóxico "só poden baixar".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias