El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

Nova Galega de Danza declárase enganchada á tradición no seu novo espectáculo

Estrea o seu novo espectáculo o venres no Teatro Rosalía da Coruña

10-09-2008

A compañía Nova Galega de Danza regresa cun novo espectáculo no que utiliza os elementos que conforman o imaxinario colectivo titulado "Tradicción" e coproducido co Centro Coreográfico Galego. A estrea será o venres día 12 ás 21 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e volverán actuar o día 13 no mesmo escenario. Logo da acollida de 'Alento' e 'Engado', a compañía busca unha aproximación a música e a danza máis primixenias de Galicia. Dirixido por Jaime Pablo Díaz e Vicente Colomer, o traballo enfócase na raíz e trata de evitar ao máximo as deturpacións folcloristas, co fin de achegarse máis á contemporaneidade. Baixo a súa 'batuta', atópanse os bailaríns Alba Vázquez, Emma Cabañas, Laura García-Vera, Lorena Ballesteros e Iván Villar. A dirección musical correspóndelle a Pedro Lamas, quen actúa en directo nun conxunto de sete músicos. Danza, música, tradición e modernidade xúntanse nesta produción cunha innovadora posta en escena e para a que a compañía conta cun maior número de bailaríns e profesionais doutras disciplinas artísticas para ir máis alá do espectáculo de danza e música. A montaxe forma parte do programa de coproducións do CCG para 2008, a través do que a compañía recibiu unha achega económica e a titoría artística de Mateo Feijoó. As entradas están á venda no teléfono 902 504 500, en www.servinova.com e na billeteira da praza de Ourense, a un prezo de entre 9 e 17 euros, cun desconto do 20 por cento para titulares do carné xove e para maiores de 65 anos. Tamén se poden adquirir o mesmo día do espectáculo no Teatro Rosalía. O espectáculo continuará de xira por Pontevedra, onde se poderá ver o día 19, e un día despois en Vigo. O Auditorio Pazo de Congresos de Ourense acollerá unha representación de 'Tradicción' o día 28. Xa en outubro, a compañía chegará a Vilagarcía o día 10, e do 13 ao 17 amosará o seu traballo na Feira das Artes Escénicas, en Santiago. Tamén teñen previsto actuar o 14 de decembro no Auditorio Municipal de Narón.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias