El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

Cultura fará un inventario de embarcacións tradicionais e históricas

18-09-2008

O director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, anunciou que a Consellaría de Cultura vai poñer en marcha a catalogación de embarcacións tradicionais e históricas singulares. Así o manifestou na inauguración dunha xornada sobre a protección do patrimonio marítimo e as embarcacións tradicionais que reúne no Museo do Mar de Vigo a algúns dos maiores especialistas europeos na materia. Felipe Arias explicou que o departamento que dirixe iniciou a finais de 2007 un estudo para determinar a situación do patrimonio marítimo galego. Este estudo analizou o estado das embarcacións e outros bens materiais e inmateriais ligados ao mar, como tradicións, lendas, refráns e outros coñecementos. A partir dos resultados deste estudo, a Consellaría iniciará nos próximos meses o catálogo de embarcacións tradicionais e históricas singulares, no que se recollerán todas aquelas que constitúan un ben patrimonial. Estas pasarán a formar parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, e terán a protección prevista legalmente para estes bens. O proceso de catalogación das embarcacións responderá a un traballo continuado que se acometerá por fases. Precisamente, a celebración da xornada de hoxe no Museo do Mar permitirá coñecer a situación noutros países nos que xa avanzaron neste sentido, e contribuirá a fixar os criterios que se empregarán para acometer a catalogación en Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias