El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

Bos Aires acollerá o I Encontro de Exaltación do Cine Galego-Arxentino

23-09-2008

Bos Aires acollerá a mediados de novembro o I Encontro de Exaltación e Promoción do Cine Galego Arxentino, organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación en colaboración co Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales arxentino (INCAA). O xefe do Executivo autonómico, Emilio Pérez Touriño, presidirá o evento, ao que asistirán autoridades galegas e arxentinas e cineastas de ambos lados do Atlántico. Así o anunciou o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, logo de asinar un acordo coa presidenta do Incaa, Liliana Mazzure. Ademais, decidiron dar un novo impulso ao fondo Raíces de coprodución, tras a incorporación de Andalucía, e felicitáronse polo éxito da II Semana de Cine Arxentino que vén de clausurarse en vigo, e na que participaron máis de mil espectadores. Este acordo en materia audiovisual entre Galicia e Arxentina renova no compromiso de colaboración entre ambas cinematografías. Na reunión participaron tamén o xerente de asuntos internacionais do INCAA, Bernardo Bergeret, e o director-xerente do Consorcio, Ignacio Varela. No marco deste encontro entregaranse os premios institucionais Chano Piñeiro, que este ano acadan a súa terceira edición. En anos anteriores, os galardóns do cine galego recaeron en José Luis Cuerda, Alejandro Amenábar, Jaime de Armiñán e José García, pola proxección da imaxe de Galicia a través dos seus filmes e polo fomento do audiovisual galego. Galicia en San Sebastián Dentro do Festival de San Sebastián, o director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela, mantivo unha reunión con produtoras británicas e francesas ás que lles presentou os sistemas de coprodución nos que participa o organismo e se lles presentou toda a información para filmar en Galicia. As produtoras estranxeiras valoraron especialmente a sociedade SempreCinema promovida por Caixa Galicia, XesGalicia e o Consorcio Audiovisual de Galicia. Por outra banda, Varela recollerá esta noite o VI Premio Ciudad de San Sebastián Film Commission concedido ao filme galego 'Pradolongo', en compañía do director da película, Ignacio Vilar. Ademais do premio en metálico, 'Pradolongo' vai ser proxectado na sección Made in Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, unha das mellores plataformas de promoción internacional para o audiovisual galego.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias