Sociedad
02-10-2008
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) presentará a partir deste venres un completo ciclo dedicado ao cineasta británico Terence Davies, coa proxección de 'Voces distantes'. Deste xeito, o centro volve colaborar co Festival Internacional de Cine de San Sebastián na organización dunha retrospectiva sobre un director contemporáneo, logo do ciclo dedicado a Philippe Garrel o ano pasado.
O ciclo ofrece un percorrido pola obra dun dos cineastas máis innovadores do actual cine europeo, pioneiro na procura de novas linguaxes entre a ficción, a autobiografía e o documental, cun especial protagonismo da música.
Entre as súas películas atópanse títulos como 'Distant Voices, Still Lives' (Voces distantes, 1988), 'The Long Day Closes' (El largo día acaba, 1992) e 'The House of Mirth' (La casa de la alegría, 2000).
Despois dun silencio de oito anos, Davies presentou no último Festival de Cannes a súa nova película, 'Of Time and the City', un documental sobre a vida cotiá no Liverpool dos anos 50 e 60 construído co selo persoal de Davies.
O paso do tempo, a relixión, a homosexualidade e as relacións familiares son algúns dos seus temas habituais. As músicas extraídas da memoria colectiva teñen unha importancia primordial nos seus títulos. Desde pezas de música clásica a cancións de Nat King Cole, Peggy Lee ou Doris Day, Davies logra unha relación entre a imaxe e o son, e adiántase aos logros posteriores de cineastas tan diferentes como Tarantino ou Wong Kar Wai.
O ciclo comeza este venres día 3 ás 20.30 horas coa proxección de 'Distant voices, still lives', que se repetirá o sábado ás 18 horas. Continúa ese mesmo día con 'The long day closes' ás 20.30, que tamén se poderá ver o luns á mesma hora.
O mércores e o xoves ás 20.30 proxectarase 'Of time and the city', e o luns 13 e o xoves 16, 'The house of Mirth'. O sábado 18 chegará a quenda de 'Trilogy' ás 18 horas, e unha semana despois será 'The Neon Bible', que repetirá o luns 27 ás 20.30 horas.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias