El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

Cultura recibe 105 alegacións á declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural

10-10-2008

A Consellería de Cultura recibiu un total de 105 alegacións ao proceso de declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural. Delas, oito son alegacións individualizadas, das cales unha foi presentada pola familia Franco, propietaria do inmoble situado na localidade coruñesa de Sada, e outra polo grupo municipal da oposición, segundo informan fontes do departamento que dirixe Ánxela Bugallo. As 97 alegacións restantes presentan dous argumentos diferentes: por un lado, 45 sinaturas apoian que a anterior protección era "suficiente" e que por tanto non precisa ser declarado BIC, mentres que outras 52 sosteñen que o pazo "non ten valor patrimonial suficiente" para recibir o grao máximo de protección. Algunhas destas alegacións foron presentadas por veciños afectados pola delimitación da zona protexida, que ademais do pazo no que residiu a escritora Emilia Pardo Bazán, inclúe tamén unha capela de estilo neorrománico e diversas construccións anexas, como cruceiros, hórreos e brasóns. A aplicación do réxime de protección dos Bens de Interese Cultural comezou xa o pasado mes de agosto, coa incoación do procedemento. Deste xeito, os propietarios dos bens susceptibles de seren declarados BIC precisan unha autorización de Patrimonio para realizar calquera intervención ou modificación, e están obrigados a coidar e preservar o inmoble. De ser declarado BIC, o Pazo abriríase ao público catro días ao mes. A Dirección Xeral de Patrimonio estudará estas alegacións e responderáas nun prazo breve, xa que se prevé que o proceso de declaración do Pazo de Meirás como BIC finalice a finais de ano. Un ano de proceso A Consellería de Cultura comezou o proceso de recollida de información sobre o Pazo de Meirás despois de que así llo solicitara o Concello de Sada nun acordo plenario de agosto de 2007. Tras compilar información a acceder cunha autorización xudicial ao Pazo para analizar 'in situ' a arquitectura interior do edificio, os bens susceptibles de seren considerados patrimonio cultural e o estado de conservación do conxunto, valorouse a posibilidade de concederlle ao inmoble o grao máximo de protección patrimonial. A familia Franco e o Concello de Sada foron informados hoxe da resolución da Dirección Xeral de Patrimonio. O departamento pediralle informes aos tres organismos consultivos previstos na lei 8/1995: a Universidade de Santiago, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega. Unha vez resoltas as alegacións, Patrimonio continuará co proceso de incoación do Pazo de Meirás como BIC, que podería finalizar a finais deste ano.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias