Sociedad
14-10-2008
O Teatro Colón da Coruña acollerá este mércores día 15 o acto de entrega das Medallas de Ouro ao Mérito en Belas Artes, outorgadas polo Consello de Ministros do Goberno español. O acto estará presidido polos Reis de España e polo ministro de Cultura, César Antonio Molina.
Entre os 21 galardoados, atópanse o actor Antonio Banderas, as actrices Marisa Paredes e Berta Riaza, o director de orquestra Daniel Barenboim, a cantante de ópera Cecilia Bartoli, os directores de cine Antonio Isasi-Isasmendi e Manoel de Oliveira, a galerista Helga de Alvear, o musicólogo Tomasi di Lampedusa, a pianista Maria Joao Pires, o escritor Jorge Semprún, a bailarina e coreógrafa Alicia Alonso, a artista circense Paulina Andreu, o historiador Alfonso Pérez Sánchez, a restauradora Carme Ruscalleda ou o matador de touros, José Tomás, ademais da Brigada do Patrimonio Histórico e a Fundación Telefónica. As distincións recaerán tamén en Galicia, da man da cantante Luz Casal, do deseñador Roberto Verino e os oleiros de Buño.
O Ministerio valorou dos oleiros de Buño, en Bergantiños, a conservación "durante séculos" dunha "tradición oleira única", e que hoxe "segue máis viva que nunca" grazas a un bo número de artistas que continúan a traballar ao vello estilo pero con achegas innovadoras á súa produción. Dende a súa aparición, na Prehistoria, a olería de Buño viviu o seu esplendor nos séculos XVII, SVIII e XIX, cando adquiriu as pautas decorativas que aínda se seguen hoxe.
Pola súa banda, o deseñador verinés Roberto Verino conta co mérito de ter extendido as súas coleccións, representada en máis de 20 países, mesmo nas pasarelas nacionais e internacionais máis importantes, especialmente Francia, Inglaterra, Bélxica e Estados Unidos.
De Luz, salientan o feito de ser unha das solistas máis valroadas da música pop-rock española. Nada en Boimorto (A Coruña), trasladouse a Madrid dende o ano 1977, e cinco anos despois publicou o seu primeiro álbum, 'Luz'. A este seguíronlle novos discos, como 'A contraluz', 'Como la flor prometida', e 'Vida tóxica', publicado en 2007. Entre as distincións acumuladas pola artista atópase o Premio Goya á mellor canción orixinal por 'Tu bosque animado' e catro discos de platino por 'A Contraluz'.
As Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes naceron en 1969, e dende entón e ata 1992, entregáronse no Museo do Prado de Madrid. A partir dese ano, celebrouse nas distintas comunidades autónomas. Hai xusto dez anos que se entregaron por primeira vez en Galicia, e foi en Santiago de Compostela.
Ciclo no CGAI
Co gallo da entrega das Medallas de Ouro ao Mérito en Belas Artes ao director Manoel de Oliveira e á actriz Marisa Paredes, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) recupera como homenaxe a única colaboración entre ambos e un título de Oliveira aínda inédito en Galicia. A entrada a ambos pases é gratuíta.
Así, este martes ás 20.30 horas proxectarase 'O espelho mágico', de Manuel de Oliveira sobre a novela 'El alma de los ricos' de Agustina Bessa-Luís, e coa interpretación de Marisa Paredes. O mércores á mesma hora, poderá verse por primeira vez en Galicia outro filme de De Oliveira, 'Cristóvao Colombo. O enigma'. Deste xeito, o CGAI únese tamén as celebracións polo centenario do cineasta portugués, en decembro deste ano.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias