Sociedad
30-10-2008
O escritor Anxo Rei Ballesteros faleceu o mércores logo dunha longa enfermidade, e dúas semanas despois de que un grupo de intelectuais ligado á tertulia viguesa do Café Voltaire lle rendese unha homenaxe para desexar a súa recuperación.
Nado en Boqueixón en 1952, Rei publicou a súa primeira novela en 1977, co título 'Dos anxos e dos mortos'. Ese mesmo ano, o conto 'Querido Brais' foi premiado co Pedrón de Ouro. Dez anos despois, o grupo de teatro Malbarate estreou a súa peza teatral 'Xogos de damas' en Santiago, interpretada por Rosa Álvarez, Mabel Rivera e Marisa Soto. Neste xénero, Rei encargouse da dirección de 'A voz humana' de Jean Cocteau.
No 1992 publicou 'Loaira', pola que gañou o Premio Losada Diéguez, e seis anos despois saíu do prelo o libro de relatos 'A sombra dos teus soños'. Dedicouse tamén ao ensaio, sobre o Hamlet de Shakespeare e o problema do tempo, e outros ensaios de arte en catálogos. Porén, mantívose sempre á marxe do sistema literario galego e dos actos públicos.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias