Sociedad
26-11-2008
A Feira das Industrias Culturais, o Cultur.gal, que se desenvolverá na Coruña do 4 ao 7 de decembro, acollerá a exhibición dun cento de producións audiovisuais galegas dentro do programa 'Panorama Galiza', para dar a coñecer a produción galega dos dous últimos anos.
Esta proposta elaborada pola Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura, e que xa tivo cabida no Festival Cineuropa, abrangue longametraxes e curtametraxes de ficción, animación e documentais realizados entre o 2007 e 2008, e de produción independente na maioría dos casos.
Deste xeito, amósase a diversidade e impulso do audiovisual galego, xa que a produción case se triplicou con respecto ao ano 2004, segundo datos da Axencia Audiovisual Galega. Así, en 2006 foi de 232 títulos e en 2007 de 273, mentres que no 2004 só chegaba aos 101.
Por primeira vez o audiovisual galego superou a cifra de 100 curtametraxes realizadas nun ano, a maioría delas feitas á marxe da industria convencional polo sistema de creadores individuais. Así mesmo, xerouse o despegue definitivo do documental galego como xénero autónomo e baixo parámetros profesionais.
Ademais deste aumento cualitativo total, orixinouse un importante incremento da produción directa en lingua galega. No primeiro semestre de 2008 producíronse 13 longametraxes de ficción, 8 delas en versión orixinal en galego, mentres que nos anteriores 16 anos só se rodaran 4 filmes directamente en galego. Ademais, nese período do ano graváronse 4 longametraxes de animación, 15 documentais e 60 curtametraxes, o 90% deles en versión orixinal en galego.
As proxeccións realizaranse os catro días de duración da Feira das Industrias Culturais, en sesión continua coincidindo co horario de apertura do evento, de 10 a 21 horas o xoves e o venres, de 11 a 24 horas o sábado e de 11 a 21 horas o domingo. O espazo de exhibición é o da Axencia Audiovisual Galega.
Selección
No apartado de longametraxes destaca a proxección dos telefilmes 'O tesouro', de Manuel Martín Cuenca; 'O espello', de Alex Sampayo; 'Manciña morta, ábreme esta porta', de Ramón Costafreda, e 'A mariñeira', de Antón Dobao, e mais o filme dixital 'Maldito bastardo', de Javi Camino, realizado á marxe do cinema industrial convencional.
Do xénero documental sobresaen os ciclos 'Etnovisións', documentais sobre etnografía, antropoloxía e a cultura popular galega; 'Fábulas longas do real', longametraxes documentais de creación; 'Olladas de realidade', pezas documentais longas sobre os mais diversos aspectos da realidade galega, como a lingua, os conflictos sociais, o urbanismo, a mocidade, ou a identidade; e 'Memoria histórica', longametraxes documentais que utilizan a historia recente de Galicia como eixe do relato audiovisual.
O apartado de curtametraxes de ficción inclúe os ciclos: 'Fábulas curtas do real', de pezas curtas documentais que reinterpretan a realidade a partir da ollada persoal de creadores individuais; 'Alén da realidade', creacións que exploran outros mundos posibles ou paralelos, dentro do xénero fantástico; 'Variacións ficcionais', unha surtida oferta de narracións curtas de diferentes propósitos, estilos ou temáticas; 'Galicia animada 2007', unha escolma das curtametraxes de animación producidas en Galicia, ben baixo o paraugas dunha produtora ou a partires de creadores individuais; 'Do amor e outras soidades'; 'Cinema non reconciliado', pezas de cinema non narrativo a contracorrente dos modelos convencionais do sistema audiovisual hexemónico; e 'Ópticas cruzadas', tres filmes realizados a catro mans entre tres readores cubanos e tres galegos.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias