A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural distribuirá material didáctico para concienciar da importancia da conservación do patrimonio cultural galego. Dentro desta liña, uns 4.000 restaurantes distribuirán uns 400.000 salvamanteis con mensaxes en defensa do patrimonio cultural galego, mentres que 12 museos e 300 bibliotecas repartirán entre os cativos 5.000 exemplares da serie infantil 'Os Bolechas', de Pepe Carreiro, nunha edición especial que percorre a historia da arte galega dende o Neolótico ata a actualidade.
A campaña 'Coñece o teu patrimonio' foi presentada hoxe en Santiago polo director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, e o presidente da Confederación de Empresarios da Hostalería de Galicia (Cehosga), Juan Silva.
A Confederación de Empresarios da Hostalería de Galicia subscribiu un acordo coa Consellaría polo que uns 4.000 restaurantes distribuirán uns 400.000 salvamanteis con mensaxes en defensa do patrimonio cultural galego. Esta iniciativa, que desenvolverán durante os vindeiros meses, busca involucrar a todos os sectores da sociedade galega no compromiso coa cultura e de facer chegar esa mensaxe aos cidadáns na súa vida cotiá.
Por outra banda, Cultura distribuirá 5.000 exemplares da serie infantil 'Os Bolechas'. Esta vez os personaxes creados por Pepe Carreiro teñen especial interese en 'Como é o noso Patrimonio Cultural'. A obra ofrece un percorrido tan amplo que abarca dende os petróglifos ata as pezas do Centro Galego de Arte Contemporánea. Nesta edición, prologada por Felipe Arias, os nenos coñecerán as mámoas de Chan de Arquiña en Moaña, o castro de Viladonga, a muralla de Lugo, a catedral de Tui, a Torre de Hércules ou o CGAC, entre outros.
Os exemplares de 'Os Bolechas queren saber... como é o noso patrimonio' distribuiranse en máis de 300 bibliotecas e 12 museos: Museo das Belas Artes da Coruña, Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo do Castro de Viladonga, Conxunto Etnográfico do Cebreiro, Museo Massó de Bueu, Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Arquivo Histórico Provincial de Lugo, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e o Arquivo Xeral da Administración.