El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

MEDICINA

Bernardino Pardo: "Detrás da non receita de xenéricos hai un pacto de non agresión entre políticos e a industria farmacéutica"

30-12-2008 11:30:45

 Un médico do concello lucense de Sada tivo en 1998 a posibilidade de entrar no libro dos records. Nese ano asinou case once millóns de receitas. Toca a vinte por minuto traballando día e noite, os sete días da semana. Vendeu a súa ética profesional e os dereitos dos seus pacientes por un apretón de mans cunha clínica privada e unha farmacia. Non é o único.

Anular a presión da industria farmacéutica sobre os profesionais da saúde. Poder receitar libremente medicamentos que non cheguen dos laboratorios con carta de recomendación. Un obxectivo que roza a utopía.

Detrás del agóchase Non grazas, unha plataforma en defensa da sanidade pública e do uso racional dos fármacos que se converteu no azoute da industria e na máis firme defensora da receita de medicamentos xenéricos.

En Galicia, o seu coordinador é Bernardino Pardo, un médico de famlia que pasa consulta no ambulatorio lucense de Nadela. Fala despacio, poñendo énfase en cada palabra, e dalle un fondo repaso á mala praxis que domina a relación médico-paciente, e que vén imposta dende arriba.

Pregunta: A venda de xenéricos supón en Galicia ao redor do 7,6% do total de medicamentos despachados nas farmacias. Por que non se receitan?

Resposta: Detrás da non receita de xenéricos hai sobre todo falta de información, tanto para pacientes como para profesionais. E hai unha certa resistencia dos usuarios. Como médico de atención primaria que son, se transformo unha marca nun xenérico teño que explicar por que. Hai tamén unha sorte de rexeitamento inconsciente de ‘este vaime peor que o outro’, cando iso é imposible. Hai toda unha cultura detrás de non utilización alimentada pola presión do sistema propagandístico da multinacional farmacéutica, que sementa a dúbida sobre se os xenéricos funcionan ou non funcionan.

Lendas sobre xenéricos

P: Tamén se empregou como argumento contra os xenéricos o dato de que contiñan unha composición e unhas cantidades distintas ás do medicamento de marca.

R: Efectivamente. A propaganda das grandes multinacionais fixo xurdir esta dúbida, que non existe. Todo o contrario. Hai unhas marxes de dispoñibilidade dentro do organismo .

Cando na caixa dun xenérico figuran as siglas EFG (Especialidade Farmacéutica Xenérica) quere decir que pasou as probas de biodispoñibilidade e que os resultados son iguais aos obtidos co produto de referencia. É un requisito para ser comercializado. A este nivel non hai dúbidas.

Conciencia e información

P: Se a relación dos pacientes cos xenéricos vén polo seu médico de cabeceira e vostede sostén que non se fían, como se pode loitar contra esa desconfianza?

R: Primeiro ten que haber unha conciencia clara por parte do médico de que o xenérico é un produto de garantía.

P: Logo o primeiro que acusa a falta de información é o profesional.

R: (ri) Efectivamente, deches no clavo. Precisa fiarse dunha garantía que vén demostrada polo dato de que os maiores consumidores de xenéricos do mundo son os países produtores de medicamentos de marca.

Estados Unidos consome un 65%, Alemaña preto do 50% e o Reino Unido un 51%. E entre os tres suman ao redor do 80% da produción occidental. E son ademais o berce do libre comercio. Se intentamos imitar aquí o seu modelo económico, por que non imitamos tamén este aspecto? Habería que preguntarllo á Administración.

Pacientes e pactos de non agresión

P: A Administración está detrás de campañas nas que se pretende mostrar o ben que funciona a sanidade pública, pero non hai ningunha tan ‘vistosa’ que aposte decididamente polos xenéricos. Por que non interesa publicitalos?

R: (dubida) Non hai que esquecer que os partidos políticos, todos, goberne quen goberne, se reúnen coas industrias farmacéuticas para pactar certas cuestións. Evidénciase unha financiación da industria farmacéutica e seguramente tamén un acordo de non agresión. Isto explicaría moitas cousas.

Pero non te preocupes porque dentro de pouco van ter que publicitalos. Entre outras cousas porque o presuposto sanitario estao comendo o gasto farmacéutico. O que me da medo é que non sexan e haxa que tomar medidas drásticas nas que o principal prexudicado sexa o contribuínte da esquina (ri).

P: Posúe algún dato sobre o aforro que suporía o consumo de xenéricos nas arcas públicas?

R: Si. Teño os datos concretos da miña área sanitaria porque mos facilita o Sergas (Servicio Galego de Saúde) todos os meses. É un informe cun apartado no que se indica que ‘se vostede tivese receitado en xenérico tería aforrado equis euros’. Ao final do ano pasado a conta acumulada era de tres millóns cincocentos mil euros, só en Lugo centro, ao redor de 200.000 habitantes (Recalca, falando máis despacio).

Facendo unha regra de tres, a regra dos burros, (risas) sairían o ano pasado ao redor de cincuenta millóns. Cartos dabondo, aínda sobrarían quince millóns, para dotar de equipamento ao hospital de Lugo que se vai abrir.

P: Dende a plataforma Non grazas denuncian a presión da industria farmacéutica á que están sometidos. Como lle afecta esta situación ao cidadán de a pé?

R: Boa pregunta. Pois tamén lle afecta. Hai campañas en concreto para o cidadán de a pé. Por exemplo, nas revistas sae un anuncio de vacinas contra o cancro de colo de útero. Non é certo que se vacine contra o cancro, senon contra o virus do papiloma humano, que está implicado.

Pero detrás hai unha enfermidade con baixa incidencia, afortunadamente, que non xustifica unha campaña que non se sabe a onde vai. E esa campaña está dirixida ao cidadán de a pé. É só un exemplo de moitos.

P: Na súa web teñen unha viñeta de El Roto na que unha paciente lle fai ao seu médico de cabeceira unha pregunta que eu lle vou trasladar. Pode receitar algo que non lle receitasen a vostede nos laboratorios?

R: (risas) Un dos argumentos que se manexa sempre cando se fala dos xenéricos dende a perspectiva do profesional é a do ‘eu teño absoluta liberdade para receitar todo o que hai no mercado’. Iso é mentira! Estamos tan mediatizados pola industria farmacéutica, cóntannos tantas milongas que non somos libres.

A receitación libre sería aquela libre da industria farmacéutica. Se fosemos capaces de receitar por principios técnicos e por principios éticos, ese día estariamos na libre prescrición.

P: Iso é algo utópico…

R: Non! É posible! A utopía sería un paso máis: que non houbese que receitar porque a saúde da poboación fose moito maior (risas).

P: De momento o que hai é un afán por embolsar o maior beneficio posible. Está este afán detrás dos experimentos médicos coa poboación de países menos desenvolvimos?

R: (moi serio) Iso é moi difícil de valorar. Eu teño a miña opinión persoal formada, pero non dispoño de datos que confirmen que iso é así. O que si é certo é xusto o contrario. A falta de interese económico neses países fai que fiquen abandonados á súa sorte.

Por exemplo, a enfermidade do sono, transmitida pola mosca tse-tse, é endémica. Había un medicamento efectivo para paliala, pero os consumidores potenciais non tiñan con que pagalo. O balance final non era moi rendable e a empresa produtora dese fármaco deixou de fabricalo e incluso a Organización Mundial da Saúde fracasou no seu intento de montar a súa propia produción ao non contar con patrocinadores. É así.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias