El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Ernesto González Valdés
Sociedad

O Consorcio Audiovisual de Galicia quere consolidar a sociedade Semprecinema e o acordo de coproducción co Brasil

16-01-2009 13:22:49

 O secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, presidiu o Consello de Dirección do organismo, no que se aprobou o plan de actividades para o exercicio 2009, o orzamento para levalo a cabo, e se deu a coñecer un informe sobre a actuación de SempreCinema Produccións, unha sociedade público privada de coproducción de cine participada polo organismo.

Un dos traballos claves do Consorcio Audiovisual de Galicia consiste no apoio ás coproducións cinematográficas desde Galicia. Así, o programa Raíces entra xa na súa 5ª edición consolidando a relación co Instituto de Cine Arxentino e o Goberno andaluz e cunha bagaxe de nove películas participadas nos últimos catro anos. A este feito únese o interese de dous institutos de cine hispanoamericanos e outra comunidade autónoma, que previsiblemente pasarán a integrarse no programa en 2009.


Acordo con Brasil

Ademais do Acordo Raíces, o Consorcio espera en 2009 a consolidación de dous proxectos pioneiros iniciados no ano que vén de rematar e con resultados importantes neste primeiro ano de execución. Trátase do acordo de coprodución coa Agência Nacional do Cinema de Brasil e a posta en funcionamento da sociedade SempreCinema Produccións.

O acordo con Brasil permitiu comezar a produción de dúas primeiras longametraxes apoiadas polo fondo económico destinado a este fin, e posibilitou ademais que na segunda quincena do mes de marzo se desenvolva o segundo encontro de coprodución e unha mostra de cine galego na cidade de Salvador de Bahía.

O encontro servirá ademais para dar a coñecer a orde de axudas para este ano que se verá incrementada co apoio a unha coprodución documental, ademais das dúas longametraxes que xa formaban parte da convocatoria na anterior edición.


SempreCinema

O segundo dos instrumentos en canto a coprodución cinematográfica é SempreCinema, que superou con creces todas as expectativas, revelándose como un instrumento de interese e necesario. Este traballo a prol da coprodución pretende ser incrementado con alianzas con outros territorios. Neste sentido, avanzouse que existen conversas con organismos públicos de Francia e o Reino Unido, dous dos países de referencia da produción audiovisual en Europa.


Proxección internacional

Así mesmo, o Consorcio Audiovisual de Galicia seguirá participando nos acontecementos audiovisuais máis importantes co fin de difundir e promover o interese e o negocio para o produto audiovisual galego. Neste sentido, planea participar nos mercados e festivais de referencia en España e Europa como Clermont Ferrand, Sunny Side of the doc, Mipcom, ou o Festival de Cine de San Sebastián, entre outros.

Entre as accións a desenvolver en 2009, atópanse as misións comerciais directas e inversas con territorios de claro interese estratéxico. Así, renovaranse as misións comerciais xa establecidas con Arxentina, Brasil e Cuba e procurarase o establecemento desta vía de colaboración con México, Inglaterra, Escocia e Francia. Estas accións permiten dar a coñecer o sector audiovisual galego, ao tempo que facilitan o contacto das produtoras galegas con outras de diferentes territorios, incrementándose as posibilidades de levar a cabo coproducións internacionais.


Accións formativas

Outro punto de interese será continuar coa súa oferta formativa, para o que emprenderá arredor de dez accións en colaboración cos principais centros de formación e profesionais, respondendo ás demandas do sector. Nesta liña atópase ademais a creación da bolsa de emprego do sector coa pretensión de fomentar o mercado laboral.

Así, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presentarase o próximo 3 de febreiro unha nova edición do programa Audiovisual nas Aulas, que se marca como obxectivo contribuír á necesaria alfabetización audiovisual dos máis novos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias