O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) contará este martes 17 coa presenza do cineasta estadounidense James Benning, con motivo do ciclo dedicado a súa obra e formado por 13 títulos, e que se proxectarán durante os meses de febreiro e marzo. O diálogo do autor co director galego Alberte Pagán irá acompañado da proxección da película de "Benning UTOPIA". A entrada é de balde.
Realizado en colaboración con Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra e a Fundación Luis Seoane da Coruña, é o ciclo máis grande realizado sobre Benning en España ata o momento, unha retrospectiva con trece títulos que intenta cubrir as súas diferentes etapas creativas.
Traxectoria
A obra de Benning iníciase a comezos dos anos setenta, independente e próxima ao estruturalismo. Benning filma paisaxes e escenarios urbanos dos Estados Unidos que, na súa primeira etapa, se acompañan dunha banda sonora con comentarios propios ou fragmentos de textos alleos asimilables ao filme-ensaio.
A partir de 1998, o seu traballo co son sofre un xiro, limitándose a acompañar os seus planos paisaxísticos con ambientes sonoros, sincrónicos ou non. "Utopia" é a súa última película cun texto en off. Con "El Valley Centro" inicia a chamada "California Trilogy", completada por "Los" e "Sogobi", películas compostas por 35 planos cunha duración fixa de dous minutos e medio cada un, planos de distintos escenarios de California. Non hai comentarios ou relato propiamente dito, si un discurso subterráneo sobre a política da auga no estado que enlaza distintos lugares.
Benning foi profesor de matemáticas antes que cineasta ou docente de cine, o que podería explicar a súa querenza por este tipo de estruturas prefixadas que nas películas posteriores, '13 Lakes' e 'Ten Skies', se concreta en planos de duración exacta. Estes títulos funcionan como sinopse argumental das propias películas. Agora non hai relato ou discurso subterráneo de ningún tipo, fóra da sucesión de motivos da tradición pictórica paisaxística acompañados de sons ambientais.
O cine de Benning non se singulariza polos seus temas, senón pola especial relación entre paisaxe e tempo, esixindo do espectador un posicionamento activo para percibir este desenvolvemento temporal: a única forma na que un pode entender a paisaxe é a través do tempo. A paisaxe é realmente unha función do tempo e son paisaxes no tempo o que Benning segue filmando en 'RR' e 'Casting a glance', as súas últimas películas.
Benning realizou ao longo de toda a súa carreira distintas contribucións a iso que se deu en chamar screen art. Estas películas esixen un espectador cinematográfico. Están filmadas en 16mm. e o seu autor non autoriza a súa proxección noutro paso de proxector ou soporte. Pódense ver en museos ou grandes mostras de arte, pero afirman a súa esencia cinematográfica, obrigando ao espectador a compartir experiencia visual e temporal.