A segunda edición do certame A Coruña Son xa ten os dez finalistas para participar no obradoiro que impartirá Santiago Auserón, director técnico do certame, e que finalizará coa gravación dun disco colectivo. O certame, organizado polo concello coruñés, ten como obxectivo fomentar, descubrir e promover novos autores de canción popular en galego.
Máis de sesenta cancións presentáronse na convocatoria e, malia existir unha selección inicial a través dos votos dos internautas, as bases contemplaban que a decisión final correspondería a Santiago Auseron como director do obradoiro. Os dez proxectos musicais elixidos polo músico non foron coincidentes coas votacións na web, o que levou ao músico a escribir unha carta argumentando a súa decisión: "o meu propósito é coincidir o máis posíbel cos votos. O ano pasado puiden aterme a eles, mais este ano non, porque se o fixese ficarían no escuro cousas moi valiosas que non votastes e o rostro público do Certame semellaría borroso"
Nesta misiva, o músico tamén asegura que se está a construír "paso a paso un cancioneiro que ten retranca, calidade e sabor" e que "este ano emerxe e predomina un sarcasmo novaondeiro fachendoso, mantense o abano de xéneros e as innovacións apuntadas desde o ano pasado, sobe a cota de calidade interpretativa e de composición", puntualiza.
Os gañadores son Sandrísima, Capitán Furilo, Snatch, Magritte, Pulpiño Viascón, Marisol Manfurada, Supersandwich, Ángeles Dorrío, La pelvis e Maus vizinhos.