'O moble das fotos' de Giovanni Maccelli, 'A flor máis grande do mundo' e 'Golpe de tacón' son as tres curtametraxes gañadoras do I Festival da Madama de Sanxenxo. Foron mellor curtametraxe, mellor curta de animación e premio do público, respectivamente. Ao palmarés deste certame súmaselle 'Caracolas' de Miguel Caruncho como mellor curta rodada en Sanxenxo. A curta foi estreada no abeiro deste certame o pasado sábado.
Dende o 19 e até o sábado 21 a vila pontevedresa acolleu a primeira edición do Festival da Madama, un certame internacional de curtametraxes centrado en destacar os traballos realizados por mulleres. Nesta primeira edición, fíxoselle un recoñecemento especial á produtora Susana Maceira pola súa longa traxectoria no audiovisual. Así, Maceira recolleu a Madama de Honra. O festival desenvolveuse en sesións repartidas en tres días.