Este mércores, a partir das oito do serán, en versión dobrada ao castelán, a sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago acollerá a proxección dun novo filme do ciclo 'Antibelicismos', unha iniciativa que renova o esforzo desta institución por achegar e manter esta disciplina na súa rede de espazos culturais.
Nesta ocasión, exhibirase o filme 'Underground', de Emir Kusturica, un título chave para comprender a narrativa cinematográfica dun director tan persoal como Kusturica. Trátase dunha cinta moi rica e complexa con centos de matices entre a realidade e a ficción, unha viaxe pola historia da antiga Iugoslavia, dende o final da Segunda Guerra Mundial ata o estoupido dos Balcáns na década dos noventa.
Baseada nunha novela e obra de teatro de Dusan Kavacevic, rodouse en Praga, Berlín, Plovdin, Sofía e Belgrado. Lonxe de calquera tipo de maniqueísmo, os seus personaxes pasean por esta loucura brillante e frenética baixo os dinámicos compases da banda sonora de Goran Bregovich.
A historia arranca en 1941 en Belgrado, en plena Segunda Guerra Mundial. Marko agáchase dos nazis nun soto xunto a un grupo de partisanos que viven baixo terra fabricando armas, e enganando ao seu amigo Peter. Durante vinte anos mantén a mentira de que a guerra continúa, conseguindo así afastar a Peter de Natalija, a moza que ambos aman, mentres el se converte en líder político.