Este venres 28, ás oito e media do serán, o Colón Caixa Galicia acollerá o primiero concerto do ciclo 'O Colón en feminino' que leverá ata o escenario coruñés as actuacións de Niña Pastori, Pasión Vega, Paloma San Basilio e Diana Navarro. O primeiro dos recitais, co aforo xa completo, correrá a cargo de Niña Pastori, que presentará en Galicia os temas do seu último e sétimo traballo discográfico, 'Esperando verte'.
Trátase dun disco moi especial na xa longa carreira da artista gaditana composto por tangos, mineras, soleá e fandangos de Huelva, entre outras. O disco contén unha canción moi especial, 'Esperando verte', dedicada á súa filla. Todas as cancións están compostas por Niña Pastori e Chaboli, o seu marido e produtor, pero tamén aparecen nomes de músicos ilustres, como os guitarristas Diego del Morao, José Miguel Carmona, ex Ketama, e Vicente Amigo.
COLÓN EN FEMININO
O ciclo 'O Colón en feminino' continuará o 14 de marzo coa actuación de Pasión Vega, unha artista que en tan só seis anos de carreira conseguiu situarse entre as mellores voces españolas e que, do mesmo xeito que Niña Pastori, chegará á Coruña cun novo disco recentemente publicado, 'Gracias a la vida'.
Xa o 27 de marzo, será a quenda de Paloma San Basilio, voz referencial da música española nos últimos trinta anos e que presentará no teatro Colón Caixa Galicia o seu último espectáculo, 'PSB'. A artista madrileña, que pasou parte da súa adolescencia en Lugo, regresa a Galicia cun proxecto co que quere recuperar a intimidade e proximidade dos seus primeiros recitais, logo da xira de éxito 'Encantados', na que estivo acompañada por Luis Cobos e unha orquestra sinfónica de máis de sesenta músicos.
A última artista incluída nesta iniciativa da Fundación Caixa Galicia é Diana Navarro que, no seu último disco, recupera as grandes cancións da música popular e da copla, dende finais do século XIX ata os nosos días. O concerto celebrarase o dezasete de abril.