A exposición itinerante e interactiva 'Galicia 25. Unha cultura para un novo século' será inaugurada este martes no Museo do Pobo Galego, en Compostela. A mostra, realizada en colaboración con Caixanova, formou parte do programa de actos organizados polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus primeiros 25 anos. Con anterioridade, a exposición, que viaxará por todas as cidades galegas, puido verse en Vigo, Pontevedra e Ferrol. En Compostela estará ata o 17 de abril.
Estructurada arredor das denominacións 'Formas e espazos', 'Palabras, imaxes e sons' e 'Fíos e desafíos', a exposición 'Galicia 25. Unha cultura para un novo século' abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares. A mostra está conformada por 25 módulos ou unidades temáticas.