A Asociación de Actores e Actrices de Galicia desvelou este serán os nomes dos nominados aos XIII Premios María Casares de Teatro durante a celebración da II Festa dos Nominados no recentemente inaugurado Pazo da Cultura de Narón, onde se deron cita centos de profesionais da escena teatral galega.
13 dos 28 espectáculos que concurrían aos galardóns teatrais obtiveron algunha nominación dentro das distintas categorías. Así mesmo, do total de 281 profesionais que presentaron a súa candidatura aos María Casares 2009, serán finalmente 36 os nominados con posibilidade de acadar unha distinción na presente edición dos premios, nalgunha das trece categorías en disputa.
Dunha segunda rolda de votacións, sairán os traballos valorados como os mellores polo censo de electores dos Premios de Teatro María Casares. A gala de entrega de galardóns, celebrarase o 25 de marzo de 2009 no teatro Rosalía Castro de A Coruña. O censo de electores está integrado polos 300 asociados da AAAG, todos os gañadores e finalistas das doce edicións anteriores nas diferentes categorías, os programadores de toda Galicia e os críticos e estudiosos teatrais.
NOMINADOS NAS PRINCIPAIS CATEGORÍAS
Con nove candidaturas en diferentes categorías, 'Unha primavera para Aldara', colócase na mellor posición de cara a obtención de premios, seguida de preto por 'Obra (No comment)' con sete. Así, as pezas nominadas a mellor espectáculo son 'Unha primavera para Aldara' de Teatro do Atlántico, 'Obra (No comment)' de PT Excéntricas e 'Aeroplanos' de Lagarta lagarta. No tocante á mellor dirección, os nominados son Candido Pazó por 'E ti, quen vés sendo?', Quico Cadaval por 'Obra (No comment)' e Xulio Lago por 'Unha primavera para Aldara'.
As aspirantes ao premio á mellor actriz protagonista son Eliana Luaces e Luisa Merelas por 'O club da calceta' e María Bouzas por 'Unha primavera para Aldara'. Pola banda dos actores protagonistas, os candidatos son Ernesto Chao e X.M. Oliveira 'Pico', ambos os dous por 'Aeroplanos' e Víctor Mosqueira por 'Obra (No comment)'.
Respecto á categoría de mellor actriz secundaria, as nominadas son Belén Constenla e Lucía Regueiro por 'Unha primavera para Aldara' e Rebeca Montero por 'A boa persoa de Sezuán'. Asemade, os candidatos a mellor actor secundario son Artur Trillo por 'E ti, quen vés sendo', César Cambeiro por 'A boa persoa de Sezuán' e Josito Porto por 'Dame veleno, eu tamén soñar'.
Candido Pazó por 'E ti quen vés sendo', Quico Cadaval poe 'Obra (No comment)' e Teresa Moure por 'Unha primavera para Aldara disputaranse o premio outorgado ao mellor texto orixinal. Na categoría de mellor adaptación ou tradición poderán alzarse co ansiado galardón Avelino gonzález e Olga F. Nogueira por 'Aeroplanos', María Reimóndez e Celso Paradela por 'O club da caleta' ou Pancho Pillado por 'Náufragos'.