A carón do Miño, Tui prepárase un ano máis, e xa van cinco, para acoller o seu Festival Internacional de Documentais. O Play-Doc, como é máis coñecido, desembarcará na cidade o 18 de marzo e quedarase ata o 22. Cinco días de absoluto reinado do cinema do real.
Unha vez máis, no Play-Doc poderemos atopar películas de aquí e de acolá, de Galicia e de fóra dela. 31 cintas procedentes de lugares como Xapón, Reino Unido, Eslovaquia, Irán, México, EEUU, Lituania, Israel, China ou Polonia competirán polos 9.000 euros en premios. Con todo, este ano fíxose un especial chamamento á participación de cineastas galegos. Todo é pouco para promocionar o material autóctono. Coma sempre, contarase cunha sección oficial de filmes a concurso e outra informativa con cintas que non compiten. Ademais, esta mestura da realidade aliñarase con eventos paralelos como charlas, exposicións ou concertos, entre moitos outros.
Un xurado internacional, encabezado por Georgi Lazarevski, xa un habitual da cita, encargarase de repartir os premios das tres categorías da sección oficial, na que predominan as historias de amor, cargadas de humor e optimismo. Xa se sabe, a tempos de crise, boa cara.
ADOPCIÓN DOCUMENTAL
Pero este ano, co gallo do quinto aniversario, os organizadores dan un paso máis no camiño da investigación artística. Trátase dun particular obradoiro paralelo ao concurso e impartido polo prestixioso director lituano Andrius Stonys e pola productora e coordinadora académica do Máster de Creación Documental da UPF de Barcelona, Marta Andreu, baixo o nome de 'El Retrato Filmado'.
Os habitantes de Tui e das vilas dos arredores serán os principais protagonistas deste curso. Así, un pequeño número de realizadores retratará a algunha das familias da zona, mediante unha peza documental de curta duración. Estas grabacións proxectaranxe durante o festival. Como parte do exercicio, os cineastas serán acollidos polas persoas a retratar, convivindo, por uns días, xunto a eles nos seus fogares. Realidade en estado puro, desa de andar pola casa.
Dez realizadores chegados de Cuba, Perú, Portugal, Barcelona, Córdoba e Galicia teñen ante sí o reto de facer nunha semana un documental no que retratar a unha persoa que até o pasado sábado era para eles unha descoñecida. Fronte á cámara, sitúanse un neno de catro anos, unha muller de 106 anos, unha empresaria da restauración, unha enfermeira, un profesor, unha parella que ten un grupo de rock e rexenta un bar... até completar un total de dez personaxes.
O obxectivo é crear un espazo de reflexión sobre a creación, que sirva para entender como se constrúe a ollada cinematográfica, e a relación que se establece entre quen filma e quen é filmado. O resultado final será un conxunto de retratos filmados, que conformarán unha sorte de retrato coral de Tui e os seus habitantes, que deste xeito pasarán de ser meros espectadores, a ser protagonistas activos.
Como din os propios organizadores, «a escrita documental desprégase a partir dun xesto esencial, a mirada cara o outro. A cámara debuxa á persoa, rexistrando a relación que se constrúe entre quen filma e quen é filmado, como a pincelada reflexa ao pintor no retrato pintado».