O Consello da Cultura Galega organizará en 2010 un congreso sobre a figura e o legado cultural e artístico de Luís Seoane, ao cumprirse o centenario do seu nacemento. Con tal motivo, publicará tamén o epistolario emitido e recibido polo ilustre exiliado republicano e galeguista. Da importancia dese legado, fala hoxe no Centro Gallego de Bós Aires o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, iniciando un programa de actividades que inclúe dúas conferencias, a presentación de tres publicacións e a inauguración de exposicións en Bos Aires e Rosario, tamén en Arxentina.
Ramón Villares fala esta tarde no salón de sesións do Centro Gallego de Bos Aires sobre 'Luís Seoane e a cultura galega en Bos Aires'. Villares subliñará a especial proxección deste creador como pintor, deseñador, escritor e promotor cultural de gran relevancia para a cultura arxentina, pero tamén para a galega europea.
Ramón Villares estará acompañado polo Presidente do Centro Gallego, Julio Martínez Fernández, e a directora do Instituto Argentino de Cultura Galllega, Aurora Barbeito. A conferencia servirá tamén para clausurar a exposición itinerante 'Nós mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración', promovida polo CCG e a Secretaría Xeral da Emigración, e inaugurada o pasado 4 de marzo no Centro Gallego de Bós Aires. Trátase dun conxunto de 62 paneis, que resumen mais dun século de historia do asociacionismo e a capacidade autoorganizadora da emigración galega. Con anterioridade puido verse en Lisboa, Sevilla, e Mar del Plata. O vindeiro 4 de abril será inaugurada no Centro Gallego de Rosario.
Á figura de Luís Seoane e á súa relación co intelectual arxentino José Luís Romero dedicará Ramón Villares a conferencia que dictará o 1 de abril, no marco das xornadas internacionais dedicadas ao notable historiador e intelectual arxentino, organizadas pola Universidad Nacional de San Martín e a Biblioteca Nacional Arxentina.