A programación do Colón Caixa Galicia da Coruña para o mes de abril comezará o
vindeiro xoves día 2, ás oito e media do serán, co espectáculo de humor 'Las
Noches de Paramount Comedy'. Tres grandes cómicos da canle de televisión,
Luismi, Pedro Llamas e Carolina Noriega, deleitarán ao público coruñés con tres
monólogos diferentes, orixinais e irónicos.
Historias surrealistas e disparatadas, vivencias de cada un e condutas
humanas universalmente aceptadas combínanse nos monólogos de Paramount Comedy
facendo cómplice ao espectador de todas as aventuras. 'Las Noches de Paramount
Comedy' volven ás estradas españolas tras os excelentes resultados do ano
pasado, onde máis de 32.000 espectadores gozaron dos monólogos dos Novos Cómicos
en todo o territorio nacional.
TEATRO
A oferta cultural continuará o día 3 de abril coa representación da obra de
teatro 'Y sin embargo te quiero', unha montaxe dirixida por Miguel Murillo na
que se retrata as dúas Españas xurdidas en torno á Guerra Civil, xunto ao devir
e as relacións de dúas personaxes, interpretados por Alejandra Torray e Ángeles
Martín.
A obra conta a historia de Ana, unha muller que despois de corenta anos
regresa á súa cidade deixando atrás toda unha vida de emigrante en Francia.
Decide volver á Casa Grande, a casa na que un día entrou como unha nena que tiña
que poñerse a servir para paliar a fame da súa familia.
Naquela casa encontrou á señorita Rosa, a filla dunha familia acomodada á que
debía acompañar e servir. Entre esas dúas mulleres, Ana e Rosa, xurdiu un
vínculo que as faría ser cómplices, compartir os avatares da adolescencia e a
xuventude e, sobre todo, afrontar os vaivéns dunha sociedade española que viu
como se desataba a maior das traxedias, froito do enfrontamento entre o mundo de
Ana e o de Rosa.