A artista ourensá María Ruido, con 'Plan Rosebud 2', obtivo o Premio ao Mellor Documental Internacional no Festival Independente de Cine e Vídeo de New York, celebrado entre o 19 e o 26 do pasado mes marzo. 'Plan Rosebud 2' é unha peza producida no marco do 'Proxecto-Edición' e que se presentou no CGAC en decembro de 2008, tras tres intensos anos de investigación e produción.
Trátase dun ensaio audiovisual, a través do que María Ruido analiza o baleiro da memoria histórica en España. Nun contexto recente onde se debateu a necesidade dunha lei para paliar o silenciamento imposto trala Guerra Civil, este filme preséntase como un exercicio de historia contrahexemónica.
O cuestionamento do arquivo como lugar onde elaborar o sentido do pasado, as dúbidas da causalidade que impregnou a historia do período da transición cara a democracia e a retificación constante da memoria son temas que percorren de maneira transversal este filme.