Tres bandas galegas e unha portuguesa conforman este ano o cartel do 'Rock en Costa', que a Asociación Xurásica vén de pechar. Green Machine, Minapolaris, Royalties e Novedades Carminha actuarán o sábado 13 de xuño na oitava edición do festival, que por primeira vez vai celebrarse no interior do Centro Socio Cultural do Castiñeiriño, en Compostela.
O Rock en Costa segue apostando polos barrios como motores culturais das cidades e pola aproximación entre as músicas de Galicia e Portugal. Para mostralo, este ano actuarán na xa clásica cita do Castiñeiriño os composteláns Novedades Carminha, unha banda nova e descarada que practica o punk ao estilo dos primeiros Siniestro Total; ou os tamén santiagueses Royalties, unha apisonadora de punk-rock and roll formada por clásicos da escena da cidade que se atopan, coa edición do seu último cd, no seu mellor momento creativo.
Tamén estarán Minapolaris, outro conxunto de rock abrasivo procedente da Coruña; e os portugueses Green Machine, ben coñecidos pola parroquia galega polos seus concertos incendiarios baseados na impresionante presenza escénica do seu vocalista e na suorosa base rítmica que o acompaña. O concerto, que coma sempre é balde, empezará ás dez da noite.