A xornalista Rosa Maria Calaf recibiu en Ferrol o V Premio José Couso de Liberdade de Prensa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, en colaboración con Caixanova. A xornada de actos comezou coa recepción da galardoada no concello. Rosa María Calaf foi recibida ás cinco da tarde polo alcalde, Vicente Irisarri Castro, que lle deu a benvida á cidade á galardoada no salón de Recepcións da Casa do Concello.
A continuación, a xornalista catalá participou nunha rolda de prensa, na que tamén estiveron presentes o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri Castro e os representantes das entidades que convocan o premio: o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, e o director de zona de Caixanova en Ferrol e A Mariña, José Ulfe Bugallo.
A premiada lembrou ao resto dos candidatos e afirmou que non cría que tivera máis méritos ca eles para o galardón. Este premio, manifestou, "é un agasallo de benvida a esta nova situación", en referencia á súa prexubilación en RTVE. Destacou ademais o valor do José Couso como maneira de recordar que o que pasou en Bagdad segue a acontecer e de "levar o debate á rúa e loitar pola liberdade de prensa". "Hónrame ser o vehículo para acercar o problema", subliñou.
Os actos de conmemoración do V Premio José Couso de Liberdade de Prensa continuou cunha ofrenda floral no Cantón de Molíns, perante a escultura 'Ás Ceibes', onde o xornalista e membro do CPXG Antón Luaces foi o encargado da lectura do manifesto. Luaces lembrou que José Couso morreu "por expreso desexo de quen todo o tapa" e reivindicou aos "reporteiros sen máis fronteira ca da súa propia conciencia". A xornada pechouse no Teatro Jofre coa entrega do galardón e o 'Concerto da Liberdade' a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave.
TRAXECTORIA
Rosa Maria Calaf Solé naceu en Barcelona en 1945. Licenciada en Dereito e Xornalismo, en 1970 ingresa en RTVE e en 1983 pasa por TV3 para exercer como directora de programas e produción. Pero o seu nome é inseparable das correspondencias de TVE, onde, desde oito puntos do planeta, se convertiu na correspondente máis veterana da canle, con 38 anos de traballo ás costas. A principios deste ano, foi prexubilada dentro do ERE de RTVE.
Ao longo da súa carreira concedéronselle multitude de premios como o Oficio de Xornalista 2003 do Colegi de Periodistes de Catalunya, o Premio Club Internacional de Prensa 2006 ao mellor labor xornalístico no estranxeiro, o Women Together Award 2007 de Nacións Unidas pola traxectoria a favor dos obxectivos do milenio ou o Premio "Toda unha vida" 2007 outorgado pola Academia da Televisión de España. Ademais, creouse un premio que leva o seu nome, organizado polo Concello de Alcalá la Real (Xaén), Alcalá Grupo Editorial, a Fundación Cruzcampo e a Universidade de Xaén co obxectivo de fomentar a investigación sobre os grandes problemas que afronta o mundo do século XXI.
Tamén foi nomeada Doutora honoris causa pola Universidade Rovira i Virgili a proposta da Unidade de Comunicación en maio de 2008 e, recentemente, asumiu a dirección da Fundació Centre Internacional de Prensa de Barcelona.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
Anteriormente foron galardoados con este premio o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson ou o valenciano José Vidal-Beneyto.