El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

PROXECCIÓNS

A Fundación Caixa Galicia trae catro novas películas para o ciclo "Paul Newman"

11-05-2009 13:10:28

Este martes, a sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago acollerá a proxección dun novo filme do ciclo 'Paul Newman'. Nesta ocasión, exhibirase na sala da Fundación Caixa Galicia o filme 'Camiño á perdición', de Sam Mendes. Seguindo os clixés do cine sobre o crime organizado, encontramos un usual clima sombrío e fatalista, recollido en personaxes e en localizacións: interiores de luz tenue, exteriores nocturnos ou diúrnas paisaxes de aspecto desolador.

Unha noite de chuvia, Sullivan e Connor cometen un asasinato ante a mirada de Michael Sullivan Jr. Os celos polo afecto de seu pai cara a Michael e a busca do silencio do neno, levarán a Connor a desexar a súa morte. Esta é unha historia de vinganza e fuxida ao máis puro estilo do cine negro, pero a narración intérnanos nas relacións familiares e todo aquilo que estas comportan.


PONTEVEDRA

Pola súa banda, Pontevedra acollerá a proxección de 'O gran salto', de Joel Coen, un filme rico en diálogos, rapidísimos e enxeñosos, pero que é aínda máis rico no seu coidadísimo aspecto visual. Como é habitual nos títulos dos Coen, os personaxes dominan a narración. Baseados en prototipos clásicos, moldéanse ata converterse en personaxes made in Coen.

Cando o director dunha importante empresa se suicida, todos os membros deciden unirse para obter o maior beneficio económico da compañía. Todo o grupo elabora un minucioso plan que consiste en poñer á fronte do consello de dirección a un novo director que se deixe manipular. Todo parece sinxelo ata que entra en escena Amy Archer.


VIGO

A cidade olívica será o escenario de 'Veredicto final', de Sidney Lumet, un excelente drama sobre procesos xudiciais. A película ocupa os seus últimos minutos, como o xénero require, coa alegación final de Newman ao borde do precipicio.

Frank Galvin é un avogado de certa idade vido a menos. Afundido, pasa o tempo bebendo e facendo pequenos traballos. Un antigo socio lémbralle o caso dun erro médico cometido nun hospital, que aínda non concluíu, e no que Galvin interveu. A medida que prepara o caso, recibe ofertas económicas para arranxar o asunto sen ir a xuízo, pero Galvin está disposto a xogalo todo, para conseguir unha importante indemnización para os familiares e para refacerse como avogado.


OURENSE

Ourense acollerá a proxección de 'Cortina resgada', de Alfred Hichcock, un thriller de espionaxe internacional con elementos de acción, suspense, misterio e romance. O mestre Hitchcock consegue envolver toda metraxe dunha densa atmosfera de tensión. A acción resólvese en termos dunha loita entre o ben contra o mal nun contexto no que abundan as alusións ao réxime político.

Michael Armstrong é un reputado científico norteamericano que se fai pasar por un desertor da Alemaña Oriental para así poder conseguir información sobre a tecnoloxía nuclear soviética. Pero a súa moza e secretaria sígueo tras o pano de aceiro contra a súa vontade. Cando Michael descobre a información que buscaba, a parella deberá pasar por todo tipo de situacións perigosas para fuxir do país.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias