El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

MÚSICA

Kiko Veneno incorpórase á programación do Festival de Cans como actuación estelar o venres

19-05-2009 18:52:38

Kiko Veneno, un dos músicos máis importantes do panorama musical español nas últimas tres décadas, chega ao VI Festival de Cans por sorpresa e como cabeza de cartel das actuacións musicais do próximo venres 22 de maio na parroquia do Porriño. Acompañado pola Banda del Retumbe, actuará de balde nunha sesión onde se mesturarán os seus temas máis coñecidos e as cancións que conformarán o seu próximo disco.

Kiko Veneno é o cabeza de cartel dunha programación musical que este ano se presenta máis potente que nunca. O xoves 21 o locutor de Radio 3 Chema Rey ofrecerá unha sesión dj no Pub Tubulart do Porriño, xusto ao remate do certame de videoclips que terá lugar no mesmo local. O venres 22, Veneno estará precedido da estrea mundial do conxunto Teté Delgado y los Ciclones, o novo grupo rockabillie da actriz e tamén cantante porriñesa.

O sábado o cartel encabézao Lamatumbá, que actuará no torreiro de Cans logo da entrega de premios. A Banda de Música do Porriño actuará pola mañá e a charanga Os Veraneantes acompañará o desfile de chimpibuses. A media tarde A Tuna Rastafari fará bailar ao público do festival. O programa complétase con Os Treboeiros de Muimenta o venres, Cé Orquestra Pantasma o sábado e as sesión de Dj Lagartija para pechar a festa venres e sábado.

Mañá, comeza a programación do festival co 'Día dos veciños', unha xornada dirixida principalmente aos veciños de Cans e que estará protagonizada pola música e a memoria da parroquia e da estrada que a cruza. Contará coa actuación especial do músico porriñés Pancho Álvarez, que presentará os temas do seu último disco, 'Sólidos galicianos'.

A xornada complétase coa estrada do documental 'A estrada de Cans', de Juanma Lodo, a presentación do Especial Festival de Cans da Revista 'Kalaikia' e cun animado serán no que participarán os veciños da parroquia.


DESVÍO TRÁFICO

O festival continuará o xoves no Porriño e o venres e o sábado de novo en Cans. Eses dous días, no horario do festival, o tráfico na N-120 ao seu paso por Cans estará cortado para non interferir co desenvolvemento do festival. O tráfico estará desviado cara á autovía Vigo-Ourense no Porriño, á altura do IES Pino Manso e no alto do Confurco, no límite co concello de Ponteareas.

O tráfico permanecerá aberto para os residentes e as liñas regulares de autobuses. Trátase dunha medida para evitar aglomeracións en Cans e dar maior seguridade ás persoas que se desprazan a pé pola parroquia eses días. O ano pasado pasaron polo Festival de Cans arredor de 5.000 persoas, cifra que se podería ver superada na presente edición.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias