A colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Melón para a consolidación do Mosteiro de Santa María quedou ratificada coa sinatura dun convenio de cooperación entre as dúas institucións. Con este acordo, rubricado no propio Mosteiro de Santa María polo conselleiro Roberto Varela e o alcalde Manuel Alberto Pardellas, a Consellería comprométese a destinar un total de 693.458 euros en dous anos. O importe total previsto para a actuación no Mosteiro de Melón ascende a 1.693.686 euros xa que o Ministerio de Fomento financiará 946.227 euros, o 57,7 por cento do total.
No acto de sinatura do convenio, Roberto Varela, manifestou a súa "grande alegría", xa que este acordo supón "pasar a formar parte do patrimonio deste Concello". A actuación, sinalou, englóbase dentro da liña prioritaria do departamento autonómico para a protección, conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego.
En virtude deste acordo, o Concello de Melón comprométese pola súa banda a autorizar a libre dispoñibilidade dos terreos para que a Consellería de Cultura e Turismo acometa a execución das obras. Asemade, exonerará dos custos de licenza preceptiva e asumirá a explotación, mantemento e conservación posterior.