O Goberno galego aprobou hoxe o adianto de 70 millóns de euros aos titulares de explotacións lácteas correspondentes ao pagamento único das axudas europeas ao sector.
O presidente a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe durante a conferencia de prensa posterior á reunión semanal do Executivo autonómico que con este acordo, o Goberno galego cumpre a súa palabra e adianta o pagamento das axudas que, doutro modo, non se poderían cobrar ata final de ano ou comezos do próximo.
Segundo Núñez Feijóo, calquera gandeiro se poderá dirixir a unha entidade financeira a partir do próximo mes de xuño e solicitar o cobramento do anticipo do pagamento único, co que poderá gozar dunha "bafarada financeira" para combater a crise no sector. Nun comunicado, o Goberno galego indica que financiará os xuros e as comisións de apertura dos préstamos.
Con este fin, a Consellería de Medio Rural asinará uns convenios coas principais entidades financeiras que operan en Galicia. Os gandeiros poderán solicitar os préstamos antes do 31 de xullo por unha cantidade igual ou inferior ao 90 por cento das cantidades solicitadas na campaña 2009 de axudas de pagamento único e pagamento adicional.
As axudas establecidas na orde aprobada hoxe consisten na bonificación da comisión e da totalidade dos xuros dos préstamos que os beneficiarios subscriban coas entidades financeiras colaboradoras, co obxectivo de que os solicitantes poidan dispoñer do 90 por cento das cantidades solicitadas por un prazo máximo de 9 meses sen custo para o gandeiro, segundo informa a Xunta.