El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Sociedad

CONSELLO XACOBEO

Galicia propón o uso dun logotipo único do Xacobeo para promocionar o Ano Santo

28-05-2009 19:59:08

A Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, asistiu en Madrid á Comisión Executiva do Consello Xacobeo na que se acordaron, entre outros temas, as medidas para obter as exencións fiscais para as empresas que patrocinen o vindeiro Xacobeo 2010 e mais aspectos relativos á imaxe gráfica do evento, como a utilización por vez primeira dun único logotipo.

Na comisión, cuxos acordos han de ser elevados a Pleno do Consello Xacobeo, participaron representantes do Ministerio de Cultura e de Turespaña, do Ministerio de Economía e Facenda, do Ministerio de Fomento e mais do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, así como das Comunidades Autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, Aragón, Castela e León e mais da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais e da Sociedade Estatal para a Acción Cultural Exterior.

O devandito Pleno do Consello Xacobeo celebrarase durante a primeira quincena de xuño e nel participarán o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela; e mais o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña. Grazas a esta comisión previa ao pleno, en Galicia xa se poden iniciar os trámites de captación de subvencións. Debido a que este proceso só pode ser xestionado polas Comunidades Autónomas, a entidade que o xestionará en Galicia será a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O Consello da Xunta fará unha delegación de inmediato na S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para acelerar os trámites. A dedución por patrocinios por parte das empresas faise a través do imposto de sociedades. No actual contexto, as empresas poderán aplicar esta dedución nun prazo de dez anos, ata que teñan un imposto positivo, no caso de que queiran patrocinar o Xacobeo. Hoxe presentouse o libro que desenvolve as directrices que se teñen que cumprir cos patrocinios e que tamén será levado a Pleno.

PROMOCIÓN INTERNACIONAL

Ademais, hoxe presentouse un plan específico de promoción internacional do que Galicia tamén forma parte. Galicia propuxo, ademais, a utilización dun logotipo único para utilizar en todos os actos de promoción nacional e internacional. Así mesmo, Galicia solicitou que o mesmo logotipo fóra utilizado neste plan de promoción de Turespaña, tema que se abordará nun vindeiro encontro que terá lugar en Santo Domingo de la Calzada o día 29 de xuño.

En caso de que esta proposta fora aprobada polo pleno, sería a primeira vez que todas as comunidades utilizan a mesma imaxe promocional do Ano Santo. Para acadalo, os representantes do Goberno Galego presentaron un documento previo de cesión da marca e un novo manual de identidade corporativa para o uso do logotipo. Así mesmo, aportaron un argumentario no que se explican as vantaxes desta iniciativa.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias