A Coruña únese a outras cidades do norte de España para promocionar a súa cara máis alternativa e vangardista. Deste xeito, a cidade herculina integrouse na rede CoolCities-Green Spain xunto a Xixón, Avilés e Donosti; apostando polo esforzo común á hora de achegar aos potenciais visitantes unha cidade cargada de historia, pero aberta á innovación e á modernidade, que aposta polos seus novos talentos e mira cara o futuro.
O primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, participou en Madrid na presentación de CoolCities – Green Spain, un evento multidisciplinar celebrado na Sala de Exposicións da Sede do Principado de Asturias en Madrid. Neste acto, fundíronse, no ámbito da máxima modernidade, a arte, a gastronomía, a música, a arquitectura e o deseño.
Estes son os grandes eixos de promoción do proxecto, que ten como obxectivo converterse nunha plataforma que pretende evidenciar a posición avantaxada das cidades do norte como iconos da modernización cultural, resaltando as claves da súa vangarda a nivel multidisciplinar.
No acto celebrado hoxe, realizouse un percorrido polos principais valores que se promocionarán de xeito conxunto, pero respectando a identidade propia de cada cidade. Así, houbo espazos dedicados á gastronomía, onde se presentaron as propostas máis rompedoras da cociña de autor; así como a cultura e os espectáculos, con montaxes de videoarte e sesións de música electrónica, a cargo precisamente do coruñés DJ Cuco.
Os asistentes tamén puideron contemplar imaxes de recunchos urbanos da cidade, como a Praza de María Pita, a Praza de Azcárraga, exemplos da arquitectura coruñesa contemporánea como a Fundación Luis Seoane ou das artes plásticas, como o Parque Escultórico.
Tamén se dispuxo unha zona de benestar, con espazo chill out, así como un espazo que emulaba o contorno natural das cidades integradas na rede. En todo o percorrido abundaban as alusións á cidade e aos seus valores en distintas artes e disciplinas como a literatura, con citas da poetisa Yolanda Castaño, así como os establecementos da estética máis vangardista, a través de imaxes de diferentes locais de hostalaría.
Tras o acto de presentación celebrouse unha degustación con produtos típicos das cidades da rede. A gastronomía coruñesa estivo representada por modernas propostas como polbo á brasa con espuma de pataca e salsa allada, vasiño de crema de nécoras, tacos de tenreira galega á prancha con salsa de queixo de tetilla ou canapés de foie de fígado de peixe sapo.