O Museo do Mar convértese de novo este sábado en escenario do programa de actuacións 'Espazos Sonoros', organizado pola Consellería de Cultura, vivindo unha nova fin de semana musical. Nesta ocasión, o recinto museístico recibe aos grupos ISGA Collective e Lonely Drifter Karen.
ISGA Collective, que xa gravou un vídeo no Museo do Mar, proxecta na súa música a modernidade da sociedade galega actual, coidando e nutríndose do seu pasado e tradición. 'A redeira' é o seu primeiro traballo discográfico, editado baixo o selo Sul producións. Componse de dezaséis pistas de son, onde se recollen as cantigas de Martín Códax.
Respectando as melodías tradicionais harmonizadas de forma contemporánea e valéndose das novas tecnoloxías, ofrecen un contraste e un carácter atemporal que, xunto co resto da composición musical, nos fan penetrar no mundo do trovador protagonista.
Por outra banda, Lonely Drifter Karen é o pseudónimo artístico da cantante e compositora austríaca Tanja Frinta. Na súa música, mestúranse o folk proveniente de diversos países europeos, o dark cabaret alemán do periodo de entreguerras e o pop anglosaxón. En maio de 2008, acompañada por Marc Melià ao piano e Giorgio Fausto á batería, publicou en Europa o seu primeiro LP titulado 'Grass is singing', polo que recibiu unha moi boa reacción por parte da crítica especializada en países como Francia e Reino Unido.
ESPAZOS SONOROS
O Museo do Mar continúa exercendo así, tras as actuacións pasadas do pianista Nicasio Gradaille e da Austrian Baroque Company, de escenario privilexiado deste ciclo de concertos. O festival, que durará ata finais de xuño, ainda levará ao recinto de Alcabre diferentes músicos e formacións como a Ensemble Galante ou o solista Rolf Lislevand.
'Espazos Sonoros', que este ano presenta 88 concertos con 36 formacións e 27 espazos distintos, é un programa aberto á creación artística que ofrece aos músicos a oportunidade de presentar as súas máis recentes ideas e proxectos, de aí que o calendario inclúa estreas absolutas de obras e producións específicamente creadas para ser presentadas no marco do festival. A recuperación e difusión do patrimonio musical galego de todas as épocas é tamén outra das liñas directrices da programación.