O Salón Teatro acolle esta semana a reestrea de 'A piragua', obra escrita e dirixida por Cándido Pazó como resultado da súa experiencia como primeiro dramaturgo residente do Centro Dramático Galego na temporada 2006-2007 e producida agora pola nova compañía Abrapalabra.
A iniciativa privada asume deste xeito a explotación dun proxecto inicial da compañía pública, mediante unha fórmula de colaboración pola que se cede parte do material escenográfico para a súa reutilización e co obxectivo de contribuír á máxima rendabilidade social dos espectáculos.
Dous anos despois da súa estrea en abril de 2007, o director, o equipo artístico e o elenco que participaran na primeira montaxe volven reunirse para dar vida a esta historia que aborda o tema da violencia de xénero e que foi galardoada daquela co Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal.
ARGUMENTO
O argumento da peza parte dunha reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas, un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe pero, segundo se argumenta "as cousas son como son, como teñen que ser, e é obvio e natural que as prazas de garaxe foron creadas para ter nelas vehículos automóbiles".
Acompañando á comunidade no desenvolvemento desta discordia, que se prolonga durante varios días, imos descubrindo, xunto co resto das personaxes, que nun dos pisos está a desencadearse un caso de violencia doméstica. A víctima é unha muller que, farta de aguantar e ante unha progresiva toma de conciencia, decide enfrontarse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira.
MÁIS DE 4.700 ESPECTADORES
'A piragua' rexistrou un gran éxito de público nas 37 funcións ofrecidas e obtivo catro galardóns no Premio María Casares 2007 ao Mellor Texto Orixinal, Mellor Actriz Protagonista, Mellor Música Orixinal e Mellor Iluminación.
Tras permanecer durante un mes no Salón Teatro de Compostela, onde se representaron un total de 23 funcións ás que acudiron 2.498 persoas, a produción iniciou unha exitosa xira que contou co apoio de Caixa Galicia por doce escenarios das catro provincias galegas, visitando os teatros de Ourense, Vigo, Lalín, Tui, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Ribadeo, Carballo, Cangas, O Barco de Valdeorras, Narón e A Coruña. O período de exhibición desta peza en Galicia terminou cun balance total de 4.729 espectadores.