A Xunta de Galicia apoiará en Sevilla de forma institucional, a través da Consellería de Cultura e Turismo, a candidatura da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade da Unesco. A delegación galega estará encabezada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e polo director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, que participarán desde este venres nos actos da XXXIII Sesión do Comité do Patrimonio Mundial que avaliará os 37 proxectos finalistas, á espera de que o sábado 27 se faga público o veredicto da Unesco.
Na delegación galega estarán presentes, ademais, os técnicos de Patrimonio que, xunto a especialistas do Ministerio de Cultura, participaron na elaboración do expediente definitivo que foi aceptado pola Unesco para incluír á Torre de Hércules no listado final e que será examinado polo Comité do Patrimonio Mundial.
Para a redacción deste expediente, constituíuse un equipo multidisciplinar, formado por enxeñeiros, arquitectos, historiadores e restauradores, para adecuarse ao estrito formulario esixido pola Unesco. Segundo os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o feito de que a Torre de Hércules sexa o único faro romano activo en todo o mundo, cumprindo coa función para a que foi proxectado e executado, será a súa principal baza. Asemade, o entorno privilexiado onde está situado representa os valores paisaxísticos e humanos da Galicia atlántica ao longo da historia.