Un xurado formado por profesionais de recoñecido prestixio, técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel e o alcalde de Lugo, José López Orozco compareceu no Centro Galego de Arte Contemporánea para comezar os estudos de avaliación das 70 propostas do anteproxecto para o concurso internacional do que sairá o proxecto de construción do Centro de Interpretación e Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando.
Dende a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, afírmase que dado o número e a calidade dos anteproxectos o equipo encargado da decisión tardará uns días en pronunciarse. Nembargante, a Dirección Xeral traballa coa previsión de que antes de finalizar o 2010 o proxecto estea redactado e presentado, e co obxectivo de contratar as obras ao principio do 2011.
Os concursantes tiveron un prazo de 60 días para redactar as súas propostas, optando a tres premios e dous accésits, sendo o primeiro de 50.000 euros, o segundo de 10.000 euros e o terceiro de 5.000, estando cada un dos accésits cifrados en 2.500. O 5 de abril de 2010 rematou o prazo para a presentación de propostas.
ANTECEDENTES
A finais do 2008, o Concello de Lugo, propietario do Cuartel de San Fernando, puxo a disposición da Consellería o edificio, para levar a cabo investigacións e toma de datos do monumento. Tras coñecer o estado do ben patrimonial realizáronse varias actuacións para frear o avance do deterioro das súas estruturas. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural investiu máis de 140.000 euros en pequenas reparacións, documentación e estudo do ben.
O Cuartel de San Fernando ten a consideración de Ben de Interese Cultural con clase de monumento dende o 24 de xullo de 2009, gozando da protección garantida ao abeiro da Lei Patrimonio Cultural de Galicia.