O afamado pianista chinés Lang Lang ofreceu unha rolda de prensa en Santiago, poucas horas antes de que ofreza ao público galego a súa primeira actuación en Galicia no marco do ciclo Xacobeo Classics. O artista actuará a partir das 21.00 horas no Pazo de Congresos de Compostela, cun recital no que inclúe obras de Beethoven, Albéniz e de Prokofiev.
Esta mañá, Lang Lang asegurou estar “encantado” de actuar esta noite en Santiago no marco do Xacobeo Classics, un ciclo do que destacou o seu “impresionante cartel de artistas”. O pianista chinés amosouse “moi contento de participar” neste festival, no que interpretará obras del Albéniz, compositor que, segundo recalcou, “ofrece unha nova visión da música española” e que “me gusta moito”, asegurou.
Por todo isto, explicou que para el é “un pracer e toda unha honra” actuar no Pazo de Congresos. Asemade, o afamado artista asegurou que espera “poder coñecer esta noite Compostela”, gozar da súa gastronomía e “visitar a súa marabillosa catedral”.
A actuación do pianista ven precedida pola altísima demanda de entradas, que provocou que en dúas ocasións se puxesen á venta máis localidades para poder satisfacer as peticións do público. En total, vendéronse máis de 2.000 entradas para asistir ao único recital que Lang Lang dará en España ata final de ano.
TRAXECTORIA
Lang Lang naceu en 1982 en Shenyang (China) e aos cinco anos xa ofreceu o seu primeiro recital. Aos doce, gañou un importante concurso en Alemaña, e despois o Chaikovski en Xapón, algo que lle permitiu viaxar a Estados Unidos por primeira vez, para completar a súa formación no prestixioso Curtis Institute de Filadelfia. En EE.UU., Chicago Tribune describiuno “como o maior e máis interesante talento pianístico en moitos anos”.
Desde entón, as orquestras máis importantes dispútano nas súas tempadas, frecuenta todos os festivais nos que hai que estar e grava para Sony, que llo acaba de arrebatar á Deutsche Gammophon como artista exclusivo cun contrato multimillonario.
A súa fama transcende o mundo da música clásica, sobre todo desde que nas pasadas olimpíadas chinesas fose elixido para tocar ante unha audiencia de miles de millóns de persoas na cerimonia inaugural dos xogos. Asemade, considéraselle o responsable directo de que corenta millóns de mozos chineses estean nestes momentos estudando piano.