A Asociación Cultural Fuco Buxán formalizará nos vindeiros días a petición ao goberno español para que se lle conceda a Medalla do Mérito ao Traballo ao galeguista Isaac Díaz Pardo, diseñador, pintor, empresario e intelectual de 86 anos. Segundo explicou o presidente do colectivo, Manuel Rodríguez, a súa demanda é apoiada polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Toriño; a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo; os rectores das tres Universidades galegas, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou os alcaldes de Pontevedra, A Coruña ou Lugo. Esta petición da Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol deuse a coñecer durante a presentación da serie de homenaxes que esta agrupación rendirá a Isaac Díaz Pardo os vindeiros meses de febreiro e marzo, "por ser unha figura insigne, que ten unha longa traxectoria ao servicio da cultura e a arte galegas", según explicou Rodríguez. Esta serie de actos comezará cunha exposición que permanecerá durante todo febreiro no Centro Cultural "Torrente Ballester" de Ferrol. A mostra realiza un percorrido gráfico pola historia do Laboratorio de Formas. "Sen Isaac e Luis Seoane esa empresa non tería existido", explicou Rosa Méndez, directiva de Fuco Buxán. Según engadiu Begoña Soneiro, secretario do Laboratorio, "do LF xurdiron as Cerámicas de Sargadelos, o Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Arte Contemporáneo "Carlos Maside", Edicións do Castro, o Laboratorio de Industria e Comunicación ou o Instituto Galego de Información. Ademáis, a homenaxe contará con dúas mesas redondas, que abordarán as diversas vertentes da obra de Isaac Díaz Pardo. A primeira delas, celebrarase o 9 de febreiro e estará coordinada por Xosé Luis Axeitos. Tamén participarán Manuel Aznar Soler, Xosé Neira Vilas e Camilo Díaz. A segunda mesa estará coordinada polo dramaturgo Euloxio Ruibal e nela tomarán parte da discusión Fermín Bouza, Andrés Varela e Fernando Salgado. Será o 23 de febreiro. O acto central, de carácter político, poético e musical, terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o 2 de marzo. Alí estará o propio homenaxeado. Nesta celebración participarán os poetas Salvador García Bodaño, Eva Veiga, Xosé Leira, Laura Landeira, Jose Moutinho Viale e Rosa Méndez. A musica correrá a cargo do grupo Milladoiro. Para finalizar a serie de actos, esa noite celebrarase unha cea. Para deixar constancia de esta homenaxe, editarase un libro que recolle artigos das persoas que participaron nas mesas redondas, os poemas do acto central máis un percorrido gráfico da historia do ilustre galeguista Dende Fuco Buxán, esperan que con estes actos "Isaac sexa consciente do amor que Galicia ten por el". Ademais, en alusión a perda do control de Sargadelos por parte de Díaz Pardo e o seu fillo, Rosa Méndez suliñou que "en Galicia sabemos que dende que o asunto saiu nos medios, toda a xente estivo ao lado de Isaac. El e Seoane foron quenes deron nome a iso".