El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O Museo do Pobo Galego acolle unha exposición sobre a vida do profesor Antonio Fraguas

Un libro achega un perfil do galeguista para celebrar o seu 101 aniversario

28-12-2006

O Museo do Pobo Galego acolle unha exposición sobre a vida do profesor Antonio Fraguas. O Museo e a Fundación Antonio Fraguas acordaron hai un ano, no centenario do nacemento do galeguista, preparar unha mostra e un libro que achegase un perfil de Fraguas. O acordo converteuse en realidade na data do que sería o seu 101 aniversario, coa inauguración da exposición e a presentación do libro 'Antonio Fraguas Fraguas 1905-1999'. A secretaria do Museo do Pobo Galego e coordenadora de esta iniciativa, María Xosé Fernández Cerviño, aclarou que se trataba "dun deber, unha débeda e unha obriga", xa que o profesor de Cotobade, que tamén fora director do Museo dende que se puxo en marcha, doou case todo o seu legado a esta institución. Fernández Cerviño salientou de Fraguas a súa "bondade e xenerosidade", así como o seu carácter "comprometido, loitador, pero que non quería protagonismo". Por outra banda, a conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, dixo del que "representa unha entrega ao estudo científico" de Galicia, e subliñou a súa capacidade "non só para transmitir contidos" e resultados de investigación, senón que tamén "contaxiou a entrega a Galiza". Memoria O presidente da Fundación Antonio Fraguas, Isaac Díaz Pardo, lembrou a figura do académico e membro do Seminario de Estudos Galegos, unha institución "digna de mellor sorte". E comezou co período anterior á Guerra Civil, cando José Tojeiro, director da Academia Gelmírez, á que asistía Díaz Pardo, levara aos seus alumnos de excursión ao Instituto da Estrada, onde Fraguas impartía clase. As lembranzas de Díaz Pardo para Fraguas foron as de "un home bo, que padeceu o que lle caeu encima". Así se refería a "o que pasou na cadea da Estrada", e que o académico "nunca quería recordar". Libro A obra, publicada grazas á colaboración entre a Fundación Antonio Fraguas, o Museo do Pobo e a Consellería de Cultura, trata de abordar todos os aspectos que marcaron a vida e personalidade dun home "cun perfil tan amplo e rico", segundo Fernández Cerviño. Un grupo amplo de investigadores, ex alumnos e coñecidos de Fraguas colaboran neste libro con artigos sobre o seu carácter galeguista, militante, científico e relixioso, así como sobre as súas achegas á historiografía, etnografía, xeografía e á docencia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias