El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O Consorcio Audiovisual potenciará a presenza do cine galego nos mercados internacionais no 2007

O Plan de Actividades para o vindeiro ano conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros

29-12-2006

O Consorcio Audiovisual de Galicia contempla no seu Plan de Actuación do 2007 aprobado e presentado en Santiago a promoción do cine galego nos mercados internacionais, un amplo programa de formación e a realización de estudos sobre o sector. O presidente do Consorcio, Fernando Salgado, presentou o Plan de Actuación, cualificado de "moi ambicioso" polo Consello de Dirección, ao potenciar liñas de anos anteriores e incorporar novas accións. O Plan conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros para o vindeiro ano, un 27 por cento máis ca en 2006. No seu Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego, o Consorcio prevé asistir a varios dos mercados internacionais máis importantes, como o European Film Market de Berlín, o MipTv e o Marché du Film de Cannes, ou Clermont-Ferrand, un dos máis importantes de curtametraxes. O Consorcio volverá convocar axudas para a comercialización de produtos audiovisuais galegos no exterior e impulsar a coprodución a través de iniciativas como o fondo Raíces. O cinema galego tentará colocarse naqueles países "de interese estratéxico" a través de colaboracións con institucións estranxeiras. Para o 2007 xa están asegurados o I Encontro Audiovisual Galicia-Brasil, previsto para marzo, ou a Semana de Cine Galego en Cuba, segundo avanzou Fernando Salgado. Ao mesmo tempo, promocionarase a imaxe e presenza de Galicia noutros países, non só para dar a coñecer o seu cinema, senón tamén para afianzalo como "lugar de rodaxe. Dende aquí, celebraranse en Galicia os I Encontros de Profesionais do Sector Pulicitario e repetiranse os 'Encontros co cine galego'. Catálogos No Mercadoc de Málaga, o mercado internacional de documentais, o Consorcio presentará o programa Docs Galicia 06 de distribución do documental galego. Este primeiro catálogo distribuirase nos mercados Mipcom e MipTV de Cannes, así como nos festivais de Toronto, Amsterdam e Lisboa, entre outros. Por outra banda, a terceira edición do programa Curtas, que está a preparar un catálogo promocional de curtametraxe galegas para o mercado internacional, e ao que este ano acceden escolas. O director xerente do Consorcio Audiovisual, Ignacio Varela, anunciou hoxe o lanzamento no 2007 dunha liña de axudas para presentar e promocionar os produtos audiovisuais no exterior, unha das necesidades observadas na "curta experiencia" do audiovisual galego nos mercados audiovisuais. A formación, unha das "columnas vertebrais" do Consorcio, como o denominou Salgado, será outro dos obxectivos fundamentais para o vindeiro ano. Así, seguirán adiante cursos como o de longametraxes, interpretación, dobraxe, ou curtametraxes, entre outros, e engadiranse novos obradoiros e un curso de inglés audiovisual. O Consorcio impartirá tamén cursos para contribuír á internacionalización do cine galego, e colaborará un ano máis coa Universidade da Coruña no Curso de Posgrao de Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais. A alfabetización audiovisual entre os máis novos seguirá tendo continuidade no plan de formación do Consorcio, co desenvolvemento no 2007 da IV edición de Audiovisual nas Aulas e coa celebración do III Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual. Realidade Outra das novidades para o vindeiro exercicio do Consorcio Audiovisual, como "receptores da realidade do sector", é a constitución de mesas de diálogo permanentes con distintos sectores do audiovisual galego, que comeza mañá cos colectivos de actores, segundo explicou Varela. Para afrontar certas dificultades do cinema galego, o Consorcio levará a cabo no vindeiro ano un proxecto para deseñar un circuíto alternativo de pantallas para exhibir o cinema galego e alleo á industria norteamericana de xeito prioritario. Un estudo sobre a necesidade dunha escola de animación en Galicia publicarase tamén neste próximo ano.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias