O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, hoxe, que
Galicia é un destino apto para todos os públicos. “Non nos reservamos ningún
dereito de admisión. Desexamos que todo aquel que entre na nosa casa adopte
durante a súa estancia a condición de galego, para converterse despois no noso
embaixador”, dixo, ao que engadiu que o obxectivo é que o visitante se sinta a
gusto coa ampla oferta de turismo rural, “en calquera dos nosos montes e
parques naturais que supoñen o 80% do noso territorio, en contacto con calquera
das setecentas praias ou dos 1.300 quilómetros de costa, disfrutando dun
referente en termalismo, a gastronomía, a cultura”.
Durante a
presentación, no stand de Galicia en FITUR, do exemplar Galicia, ¿Me guardas
el secreto? Experiencias para descubrir un destino, Feijóo incidiu en que a
Comunidade galega ofrece descanso, diversión “e seguimos ofrecendo
espiritualidade, da man dese Oitavo Centenario da Peregrinación de San
Francisco de Asís que se desenvolverá entre xullo de 2013 e xullo de 2015”.
O responsable
autonómico lembrou que mentres hai pobos que se forxan na súa loita contra
outros, Galicia fórmase en contacto cos outros. “É a relación co peregrino, o
visitante e o viaxeiro a que vai dando forma á nosa idiosincrasia. De cada un
aprendemos algo e cada un lévase algo noso”, asegurou, logo de subliñar que o
Camiño de Santiago é o primeiro <melting pot> da historia, a primeira
globalización, o primeiro gran intento por entender o mundo como un todo. “É
entorno a ese Camiño onde pode falarse por primeira vez dunhas <nacións
unidas> que literalmente camiñan xuntas”.
Deste xeito, Feijóo
afirmou que podemos dicir que Galicia se anticipa ao turismo moderno, xa que
non só soubo compartir o segredo da tumba do Apóstolo con todos os pobos do
orbe coñecido, senón que adapta a súa mentalidade á súa vocación hospitalaria.
Así mesmo,
recordou que ese Primeiro Itinerario Cultural Europeo que foi o Camiño, sería
só o principio dunha serie innumerable de segredos que os galegos imos
desvelando para que sexan coñecidos por todo o mundo. “Esta Galicia esperta que
nos esconde os seus segredos, soubo facer do turismo moito máis que unha
actividade sectorial. Falamos dunha empresa colectiva. Falamos dun empeño que
involucra a todos os estamentos da sociedade galega. O turismo é hoxe unha
multinacional máis que ten por accionistas a todos os galegos, e que ostenta
unha posición de relevancia capital na nosa economía. Esa multinacional
renóvase constantemente para dar sempre ao que nos visite a mellor acollida
posible e as máximas experiencias posibles”.