Sociedad
Unha delegación viaxará a Cuba o vindeiro mes para reforzar a presencia de Galicia no evento deste ano
09-01-2007
A cultura galega será convidada de honra na Feira Internacional do Libro de La Habana en 2008, segundo informaba onte a Asociación Galega de Editores (Age) na súa web. Por este motivo, a cultura e o libro galego tratará de ter unha maior presenza na feira editorial cubana do presente ano, que se desenvolverá entre o 8 e o 18 de febreiro baixo o lema "Leer es crecer".
Unha delegación galega formada por representantes da Asociación Galega de Editores, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil viaxará xunto co director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, ata a Habana para acudir á Feira no mes de febreiro.
A participación na feira increméntase este ano cun stand máis amplo e coa organización de actividades paralelas á feira, segundo informou hoxe a Consellería de Cultura nun comunicado. O stand incluirá unha mostra dos traballos das editoriais galegas. Ao mesmo tempo, desenvolveranse presentacións de libros, espectáculos teatrais, musicais, de danza ou de contacontos.
O público cubano e latinoamericano poderá coñecer así non só unha mostra da industria editorial galega, senón tamén a cultura propia, a través de distintas accións no marco da feira. Máis alá da función comercial da feira, a Consellería pretende "ampliar as relacións culturais" de Galicia con América Latina.
Acollida da feira
No 2006, participaron na feira editores, escritores, libreiros e distribuidores de máis de 25 países. A mostra foi visitada por máis dun millón de persoas. Foi precisamente nesa ocasión cando Galicia volveu ter presenza na feira, tras varios anos de ausencia.
O vindeiro mes de febreiro, será a República Arxentina o país que asista como convidado de honra nesta XVI edición do considerado como principal evento cultural de Cuba. Arxentina participará cunha destacada representación de escritores, mostras de teatro, cine, artes plásticas e música.
Por outra banda, o poeta, narrador e ensaísta César López, Premio Nacional de Literatura, e o historiador Eduardo Torres-Cuevas, Premio Nacional de Ciencias Sociais, serán os homenaxeados nesta edición.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias