O Centro Coreográfico Galego (CCG) leva a Santiago a súa primeira produción, "Vacuo". Entre o xoves e o domingo, o Salón Teatro da capital galega acollerá a peza da coreógrafa ourensá Maruxa Salas, coa que inicia a súa andadura a nova unidade de danza do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem). Un tren desprazou os participantes no espectáculo dende A Coruña a Santiago. Na propia estación de ferrocarril, o grupo realizou unha performance de danza e de música. Deste xeito, continúa cunha posta en escena similar á que se ofreceu na lonxa da Coruña, para implicar na danza a colectivos e lugares emblemáticos das cidades galegas. Trala súa estrea na Coruña o pasado día 6, a primeira montaxe do CCG comeza unha xira de tres meses de duración por oito localidades do territorio galego, segundo informa o Igaem. Despois do seu paso por Compostela, "Vacuo" representarase en Vigo o día 20 deste mes. En febreiro, terá como escenario os concellos de Narón e O Barco, mentres que en marzo viaxará a Tui, Ribadeo, Cangas e Ourense. Desenvolvida cunha metodoloxía aberta, o espectáculo conta con música composta polo grupo Berrogüetto, coa escenografía e iluminación de Baltasar Patiño, o vestiario de Ruth Díaz e as pezas audiovisuais de Adriana Domínguez. "Vacuo" pon en escena a un total de 15 bailaríns para interpretar unha obra sobre os sentimentos, as emocións e o ciclo vida-morte-vida. A peza consta de catro fragmentos que parten da Galicia do pasado cara á Galicia do presente. A coreografía compara a degradación da natureza co esquecemento de determinados valores e suxire un "espazo vacuo" de rexeneración no que vivir á marxe dos medos e prexuízos. O CCG, con sede na cidade herculina, pretende servir de espazo de encontros entre os artistas e deles co público, coa fin de mellorar as condicións profesionais do sector. O centro apoiará a creación artística cunha produción propia cada temporada e con coproducións de compañías privadas. Nesta ocasión, trátase da formación coruñesa ExperimentaDanza e da viguesa Pisando Ovos. O vindeiro ano, outro coreógrafo convidado tomará o relevo de Maruxa Salas, para poñerse á fronte dunha nova produción para o CCG. Ademais da creación, o centro pretende fomentar a investigación a través de residencias artísticas e axudas económicas, así como a formación de profesionais e cidadáns.