O Salón Teatro de Santiago. A que foi, en verbas de Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego (CDG), a "casa referencial" do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, e o derradeiro lugar que simbolicamente cruzou antes de realizar o "transbordo" ao sitio no que repousa o seu corpo, foi o lugar escollido pola Consellería de Cultura para presentar os actos cos que aspira a homenaxear a obra e figura do autor compostelano ao longo de todo este ano. Aínda que as aspiracións para o protagonista do Día das Letras Galegas de 2013 van máis aló. Belén Quintáns, viúva do escritor e unha das impulsoras da Asociación que leva o nome de Roberto Vidal Bolaño, son máis ambiciosas. A súa esperanza é que a programación deste ano sexa "un punto de partida dunha viaxe que a súa obra deberá percorrer neste mar revolto da cultura máis aló" da celebración. Neste sentido, Quintáns demandou que non quede todo en homenaxes, senón que se realice un "estudio serio" da súa obra e que esta se poña en escena porque, suliñou, "non se pode deixar de novo no esquecemento unha figura tan importante".
Da importancia do autor e os seus vencellos coa súa "casa" do Salón Teatro dá fe o feito de que o Centro Dramático Galego fará xirar toda a programación que ten prevista para este ano en torno á figura de Vidal Bolaño "por primeira vez" na súa historia, tal e como avanzou onte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, maiormente a través de coproducións.