Sociedad
A película entusiasma en Xapón e presentarase na Berlinale
18-01-2007
A esperada película do debuxante Miguelanxo Prado e do compositor Nani García chega este venres ás pantallas de varios puntos de Galicia e de cidades clave como Madrid, Barcelona ou Valencia. e Profundis' continúa así o seu camiño cara o premio Goya á mellor animación, polo que compite con outra produción galega, 'Pérez, o ratiño dos teus soños', creada pola sección de animación de Filmax.
Do filme distribuiranse unha quincena de copias polas sete cidades galegas e polas cidades máis importantes de España: Madrid, Barcelona, Sevilla, Bilbao e Valencia. Ao mesmo tempo, 'De Profundis' está espertando un alto interese no mercado internacional, e chega a venderse incluso en Xapón. Segundo explicou a AGN a produtora executiva de Continental, Chelo Loureiro, "en Xapón están entusiasmados", algo que enche de orgullo á produtora ao tratarse dun país "de autoconsumo de animación e cunha produción importantísima". A película tamén estará presente no mercado de Berlín, segundo anunciou Loureiro.
Ademais da película, a produtora ten recibido varias solicitudes para levar o espectáculo en directo coa Orquestra Sinfónica de Galicia a varios puntos do planeta. 'De Profundis' sincronizarase coa OSG en Lisboa o vindeiro mes de maio, para abrir o festival de cine, así como na Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia o vindeiro 24 de xuño, para abrir a Copa do Mundo de Vela.
Haberá que esperar ata abril para poder gozar do filme na casa, tamén cunha edición de coleccionista que inclúe un documental sobre o proceso de creación da película.
Goya
Chelo Loureiro amosouse satisfeita pola nominación ao Goya de 'De Profundis' como mellor película de animación, así como pola crecente produción deste xénero en España, aínda que botou en falta unha nominación á mellor banda sonora polo traballo de Nani García.A pesar de que na festa dos nominados aos premios que se celebrou o pasado sábado todo apuntaba a que o premio recaería na primeira animación producida por Continental, Loureiro amosouse "escéptica" e engadiu que "os premios son unha lotería".
Arriscada na súa proposta, o filme preséntase como unha sinfonía visual que se adentra nas profundidades do mar para relatar historias de sereas, mariñeiros e sentimentos. O creador do filme apostou por pintar a man os 15.000 debuxos a óleo que compoñen a película. Unha pintura con profundidade e riqueza de detalles, inhabitual na animación convencional, e que supuxo dous anos de traballo intenso.
A cambio, Prado bota man dos seus coñecementos como debuxante de cómic e emprega a elipse con animacións moi sinxelas creadas por ordenador. Deste xeito, o espectador somérxese nunha historia de ambiente onírico que ten que completar. A pesar deste labor artesán, o presuposto da película non superou os dous millóns de euros, "cando unha animación normal anda polos 5", engadiu a produtora executiva de Continental, Chelo Loureiro.
No proceso de elaboración da obra, Nani García e Miguelanxo Prado traballaron man a man "enriquecendo un o traballo do outro" de xeito simultáneo, segundo explicaron os creadores. A música cobra nesta obra un especial protagonismo, xa que carece de diálogos.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias