El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Xunta pon en marcha a campaña "En galego, tes todo por dicir" para vencellar a lingua a unha imaxe de contemporaneidade

Poranse en marcha accións específicas para fomentar o seu uso especialmente entre a xente nova

22-01-2007

A campaña "En galego, tes todo por dicir" vencella a lingua a unha imaxe de contemporaneidade. A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta presentou a nova campaña, que se difundirá en todos os medios de comunicación galegos e en publicidade exterior e na que se inviste preto dun millón de euros. A nova campaña incidirá ao longo do ano en distintos ámbitos da poboación, como o lecer da mocidade, a xente maior, a educación, a transmisión familiar, o comercio e a empresa, a cultura, a sanidade, o dereito e as novas tecnoloxías, e irá acompañada de accións específicas para cada un deles. Dirixida ós mozos E na xente nova onde Política Lingüística prestará unha maior atención, con actividades relacionadas co lecer da xuventude galega. Segundo o último estudo do Instituto Galego de Estatística (Ige) o uso do galego como lingua habitual descende conforme diminúe a súa idade, a pesar de que "son estes os que máis coñecemento teñen da lingua", observou a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. Como novidade, Política Lingüística iniciará accións específicas tamén nas maternidades e nos cursos de preparación ao parto, xa que a transmisión familiar xoga un papel importante no uso da lingua galega. A campaña "En galego, tes todo por dicir" tenta darlle prestixio á lingua para que "os máis novos se sintan cómodos usándoa", xa que son "sectores estratéxicos e de futuro para a lingua", declarou Marisol López. Segundo a secretaria xeral, os estudos sociolingüísticos do galego revelan que Galicia é a comunidade autónoma con "maior nivel de coñecemento e comprensión" da súa lingua propia, polo que o desuso do galego en certos segmentos "débese a que non valoramos a nosa lingua como útil". Así o cre tamén o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, na presentación dunha campaña que considerou "imprescindible". Sen embargo, engadiu, "con iso non chega". Para Villares, a solución ao problema do prestixio da lingua galega "depende dos falantes" e pasaría por que a sociedade "asumise a lingua como algo normal". Estatuto Por último, tanto Marisol López como Ramón Villares valoraron a oportunidade que o novo Estatuto de Galicia lle brindaría á mellora da situación do galego. Para López, o fracaso na negociación da reforma estatutaria significa "unha oportunidade perdida para recoñecer a igualdade do galego e do castelán". Pola súa banda, Villares opinou que as propostas do BNG e do PSdeG, "un pouco máis avanzadas cás do actual Estatuto", mellorarían a situación lingüística, aínda que esta "non se arranxa cun papel, senón con práctica social".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias